publicidade hoxe

A Xunta reforza os equipos psicosociais das subdireccións do Instituto de Medicina Legal de Galicia

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada dereitaProvincias
A-
A+

O director xeral de Xustiza, José Tronchoni, explicou hoxe no Parlamento galego que a Xunta está a reforzar os equipos psicosociais das subdireccións do Instituto de Medicina Legal (Imelga) co obxectivo de contribuír a unha xustiza máis áxil e eficiente e atender o aumento da demanda de informes psicosociais por parte dos xulgados. Este aumento débese, en parte, á entrada en vigor en 2021 da normativa estatal de reforma da lexislación civil e procesual en relación á proba constituída nas declaracións das persoas menores ou con discapacidade.

O Imelga conta cun total de 17 profesionais da Psicoloxía e 17 de Traballo Social que conforman os 17 equipos sociais nas 7 subdireccións do instituto. Xa en 2017 a Xunta reforzara o cadro de persoal destes equipos con 14 novas prazas en 7 novos equipos co obxectivo de mellorar a atención das valoracións e elaboracións de informes requiridos polos xulgados. Coa mesma finalidade, o Goberno galego vén aplicando distintas medidas organizativas nos últimos meses. En concreto, a realización de horas extraordinarias e acumulación de tarefas a través do nomeamento de persoal interino ou o incremento de dedicación dos equipos para esta tarefa.

Equipos psicosociais Imelga

Os equipos psicosociais teñen, entre outras funcións, atender as demandas de valoración e elaboración de informes en procedementos altamente sensibles, polo que precisan dunha metodoloxía específica tanto no ámbito civil como penal.

Entre os asuntos abordados por estes equipos atópanse valoracións do ámbito de familia como gardas e custodias, réximes de visitas, ou modificacións de medidas; e do ámbito penal relacionadas con casos de violencia de xénero, a cedibilidade do testemuño en abusos sexuais, probas preconstituídas ou valoracións de incapacidades e sociofamiliares.

O director xeral de Xustiza puxo en valor tamén o traballo das Unidades de Valoración Integral de Violencia de Xénero do Imelga integradas por un médico forense, un psicólogo e un traballador social e que durante o ano pasado realizaron 200 intervencións.

O Imelga

O Instituto de Medicina Legal de Galicia (Imelga) concentra a pericia pública oficial médico-legal, de psicoloxía e de traballo social forense. Dispón de sete subdireccións, unha en cada unha das sete cidades galegas, e conta con 135 profesionais entre médicos forenses, psicólogos, traballadores sociais, funcionarios dos corpos xerais e auxiliares de autopsia.

A Xunta tamén dá resposta a unha demanda histórica do Imelga coa construción da nova sede en Santiago de Compostela, que será, por unha banda, sede da dirección do Instituto en toda a comunidade, e tamén da Subdirección de Santiago de Compostela. O edificio suporá un investimento total de case 5 millóns de euros e, ademais de acoller nos seus máis de 4.000 metros cadrados as dependencias administrativas, estará dotado de novos e avanzados medios técnicos e científicos potenciando o seu labor como centro de referencia da medicina forense en Galicia.

15 de setembro de 2022 | 13:44 • Sen comentarios

Comentarios pechados.