publicidade hoxe

A Xunta reforza desde este xoves os servizos de autobús entre Silleda e Lalín cunha nova expedición á primeira hora da mañá

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLalínLocal PortadaPontevedraSilleda
A-
A+

A Xunta activará o vindeiro xoves, 22 de setembro, un reforzo dos servizos de autobús entre Silleda e Lalín que engaden unha expedición á primeira hora da mañá.

O novo servizo prestarase de luns a venres ás 07,30 horas nunha nova ruta que cubrirá o traxecto entre a parroquia de Lamela e Lalín.

Con esta mellora no servizo, a Xunta, a través da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, atende a solicitude trasladada polo Concello de Silleda para facilitar, principalmente, os desprazamentos do alumnado cara ao instituto ao inicio das clases.

O novo servizo funcionará tamén en época non lectiva, ampliando así as posibilidades de conexión para a cidadanía dos dous concellos nun horario máis cedo durante todo o ano.

Esta actuación enmárcase no traballo continuo da Xunta por ofrecer máis e mellores servizos de transporte público por estrada aos cidadáns.

Este novo servizo ponse, ademais, en marcha coincidindo coa celebración da Semana Europea da Mobilidade, unha conmemoración que este ano ten como lema ‘Mellores conexións’, coa que se busca promover o uso do transporte público colectivo e outros modos sostibles e respectuosos co medio ambiente.

Actualmente, máis de 900 mozos e mozas de Lalín e Silleda menores de 21 anos viaxan gratis por toda Galicia nos autobuses da Xunta coa tarxeta Xente Nova.

19 de setembro de 2022 | 13:49 • Sen comentarios

Comentarios pechados.