publicidade hoxe

A Xunta outorga axudas a 9 asociacións profesionais e empresariais para a formación no ámbito do transporte por estrada en Galicia cun investimento de 500.000 €

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada esquerdaProvincias
A-
A+

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade fixo pública hoxe a resolución coa listaxe das 9 asociacións profesionais e empresariais ás que se concederon axudas para a formación no ámbito do transporte por estrada en Galicia, que se corresponden coa convocatoria do ano 2022.

No seguinte enlace ao Diario Oficial de Galicia (DOG) poden consultarse as subvencións concedidas a cada unha desta entidades, que acadan un investimento da Xunta de 500.000 euros https://acortar.link/ZaEhIL. Cómpre ter en conta que a Xunta incrementou nun 25% o investimento para este ano, fronte aos 400.000 € que destinou en pasadas convocatorias:

Estas axudas van dirixidas ás entidades que se integran no Comité Galego de Transportes: asociacións ou federacións de transportistas, co obxecto de que elaboren e leven a cabo un plan formativo sobre materias de maior interese para os profesionais do sector.

O departamento que dirixe Ethel Vázquez distribuíu estas axudas entre aqueles plans formativos que acadaron as maiores puntuacións, atendendo aos diversos criterios que establece a orde reguladora, entre os que se encontran a representatividade da asociación, a adecuación dos cursos ao ámbito do transporte ou a promoción do idioma galego.

O obxectivo que persegue o departamento de Mobilidade da Xunta con estas axudas é que as entidades beneficiarias poidan mellorar as capacidades dos seus asociados en eidos tan importantes como a seguridade viaria, a manipulación de mercadorías perigosas ou a eficiencia na xestión empresarial. Ademais inclúese a subvención de cursos para obter o Certificado de Aptitude Profesional (CAP), requisito imprescindible para os condutores que queiran operar no mercado profesional desde a entrada en vigor do Real decreto 1032/2007, do 20 de xullo.

Tamén se promociona a realización, por parte das asociacións do sector, de iniciativas de carácter formativo noutros ámbitos de interese para os profesionais do transporte, como a mellora no coñecemento de diferentes idiomas, tanto para os profesionais do taxi como para todas aquelas persoas que realizan transportes internacionais.

No ano 2021 realizáronse 130 cursos ao abeiro destas axudas da Xunta, dos que se beneficiaron un total de 1.773 alumnos.

15 de setembro de 2022 | 19:15 • Sen comentarios
Deixa o teu comentario