publicidade hoxe

A Xunta louva o traballo da Unidade de Investigación de Incendios Forestais de cara a lograr a detención de catro presuntos incendiarios que xa están en prisión

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada dereita
A-
A+

O conselleiro do Medio Rural, José González, quixo recoñecer hoxe o traballo dos axentes ambientais que conforman a Unidade de Investigación de Incendios Forestais (UIFO) en colaboración coas forzas e corpos de seguridade, que permitiu esta mesma semana enviar a prisión a presunta autora do lume do pasado agosto en Verín, con múltiples focos. En resposta a unha interpelación no pleno do Parlamento, tamén destacou que veñen de ingresar no cárcere outros tres presuntos responsables de ata 10 lumes como o de Ribas de Sil do ano pasado, ao tempo que insistiu en que estas persoas pagarán polo que fixeron co seu patrimonio para poder recuperar, en parte, os gastos de extinción, así como as perdas materiais en moitos lumes.

Na súa intervención, o conselleiro destacou tamén que a profesionalidade e bo facer do Servizo de prevención e extinción de incendios forestais da Xunta fixo posible que non houbera que lamentar danos persoais a causa dos lumes rexistrados este verán na nosa comunidade. Así, defendeu a protección prestada en todo momento por estes profesionais a aqueles núcleos rurais que sufriron desaloxos a causa dos incendios e quixo agradecer publicamente o seu esforzo.

Nesa liña, José González explicou que na noite do 14 de xullo Galicia viviu un episodio meteorolóxico excepcional, denominado sistema convectivo de mesoescala, no que se rexistraron máis de 6.000 raios na nosa comunidade. Este episodio -sinalou o conselleiro- ocasionou medio cento de incendios forestais en Galicia entre as oito da tarde desa xornada e as oito da mañá do día seguinte. Malia iso, a intervención dos medios da Xunta “foi completamente efectiva”, logrando que máis do 83% dos lumes quedaran en conatos (con menos dunha hectárea de afectación), segundo salientou González.

Porén, engadiu o conselleiro, en determinadas zonas produciuse tamén unha treboada sen chuvia, que fixo estragos ocasionando multitude de lumes, nun contexto de alerta pola seca. Fronte á esta circunstancia, a actuación do Servizo de prevención e extinción de incendios forestais de Galicia, tanto dos efectivos da Xunta como das administracións locais e estatal foi “inmellorable”, tal e como destacou José González, evitando que se produciran danos persoais.

Nesta liña, o titular de Medio Rural fixo ademais fincapé na importancia da prevención dos incendios, unha tarefa á que -indicou- a Xunta destina anualmente, xunto coa extinción, máis de 180 millóns de euros, sendo Galicia a comunidade española que máis inviste nesta materia. Este orzamento, segundo apuntou González, non só inclúe o propio plan preventivo, senón todas aquelas accións transversais como poden ser as relativas á recuperación da terra, ao plan de pastos ou ás de ordenación forestal, entre outras. Neste sentido, o conselleiro situou na xestión da terra e do territorio unha das claves para frear os incendios.

E en relación con este aspecto, José González puxo en valor os labores de prevención por máis de 30 millóns de euros en case 59.000 hectáreas e preto de 6.000 quilómetros de pistas e outras vías de comunicación que executa a Xunta ao abeiro do Plan preventivo deste ano, así como a xestión da biomasa mediante iniciativas como o convenio de protección das aldeas subscrito coa Fegamp e Seaga, ao que se atopan adheridos 276 concellos galegos.

Así, lembrou os sete millóns de euros de orzamento deste convenio, que entre outras cousas permitiu que 259 municipios teñan xa o seu plan de prevención elaborado pola propia Consellería do Medio Rural, servindo de soporte para lograr que os veciños cumpran coa súa responsabilidade neste ámbito. Neste contexto de colaboración interadministrativa, o conselleiro salientou a relevancia desta cooperación e reiterou a necesidade dun Pacto autonómico centrado na loita fronte ao lume, “por enriba de intereses partidistas”.

Nova Lei de loita integral contra os incendios

Ademais, José González puxo en relación este labor co desenvolvemento da nova Lei de loita integral contra os incendios forestais de Galicia, unha oportunidade -dixo- de “lexislar en consenso” a prol do interese común. E salientou que esta norma avanza en colaboración cos profesionais do Servizo e dos seus representantes, recollendo tamén todas as recomendacións da Comisión creada no Parlamento tras os lumes do 2017, así como as conclusións do grupo de expertos independentes.

Neste sentido, o conselleiro manifestou que esta colaboración ten que comezar no territorio, nas demais administracións, como son -indicou- as deputacións provinciais. E lembrou que as recomendacións dos propios expertos inciden en que o impulso das tarefas preventivas require necesariamente da súa implicación financeira, polo que chamou a “traballar xuntos dende o territorio” nesta materia decisiva para o benestar dos galegos.

Neste contexto, José González valou o esforzo da Xunta no eido da seguridade e da dotación de medios do Servizo. Así, recordou que Galicia conta neste 2022 con arredor de 30 medios aéreos contra o lume, así como con 380 motobombas. En parecidos termos, o titular de Medio Rural salientou a integración do persoal de reforzo da empresa pública Seaga como profesionais laborais da Consellería, así como o incremento do tempo de servizo do persoal descontinuo, que no 2017 traballaban tres meses ao ano e que desde 2020 o fan seis meses. Ademais, explicou que a actuación das brigadas municipais céntrase nos meses de agosto e setembro, por seren estes tradicionalmente os de maior risco. Así mesmo, destacou que as brigadas da Xunta estiveron activas xa desde mediados de maio, e as helitransportadas tamén permaneceron operativas desde o inicio do período de alto risco.

A maiores, o conselleiro incidiu noutros avances tecnolóxicos que prestan apoio ao operativo, como son as 148 cámaras da Rede de vídeo vixilancia forestal, que cobren aproximadamente o 70% do territorio galego, ou os drons, uns sistemas que son capaces de captar matrículas de vehículos nas pistas forestais.

14 de setembro de 2022 | 18:37 • Sen comentarios

Comentarios pechados.