publicidade hoxe

A Xunta impulsará unha candidatura única para que Galicia acolla a Axencia Española de Supervisión de Intelixencia Artificial

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaGalicia exteriorPortada esquerdaProvincias
A-
A+
Reunión cos integrantes do Nodo Galego de Intelixencia Artificial (galicIA)

Reunión cos integrantes do Nodo Galego de Intelixencia Artificial (galicIA)

A Xunta confirmou hoxe ante os integrantes do Nodo Galego de Intelixencia Artificial (galicIA) a candidatura para que a nosa comunidade acolla a sede da Axencia Española de Supervisión de Intelixencia Artificial (AESIA). Neste senso, o Executivo autonómico traballará para consensuar unha única candidatura que permita maximizar as posibilidades de contar con este organismo de nova creación.

Esta confirmación prodúcese tras a decisión do Consello de Ministros de onte martes de iniciar o procedemento para a designación da sede física da AESIA. Na reunión participaron o vicepresidente primeiro da Xunta e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde; o conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos; o director da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, Julián Cerviño; o reitor da Universidade de Santiago, Antonio López; o reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde; o reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa; e representantes das consellerías de Sanidade e de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidade e da AECT Galicia Norte de Portugal.

Entre os requisitos xa coñecidos, está a existencia dun potente ecosistema dixital. Neste senso, Galicia xa destaca na xeración de coñecemento en torno á Intelixencia Artificial a través de centros singulares de investigación; ademais de estar desenvolvendo a súa propia Estratexia Galega de Intelixencia Artificial.

En concreto, Galicia é a primeira Comunidade española en afrontar o desafío de analizar o impacto ético da aplicación das tecnoloxías de IA no seu territorio e este traballo permitirá adaptar a lexislación galega a esta nova realidade. Así mesmo, Galicia conta con dous ‘hubs’ de innovación que suman as capacidades de máis de 4.200 empresas e entidades que empregan a 120.000 persoas. Ademais, o sector tecnolóxico suma 2.961 empresas con 20.740 empregados.

A aposta por Galicia como sede da AESIA conta xa co apoio de máis de 60 institucións e empresas, entre as que se atopan grandes tecnolóxicas como Amazon Web Services, Microsoft ou Google Cloud.

Tamén analizaron os prazos establecidos polo Consello de Ministros, que anunciou que a Comisión Consultiva para a determinación das sedes disporá dun mes para dar a coñecer os criterios que se terán en conta para seleccionar a sede da AESIA nun procedemento aberto e competitivo. A partir da publicación dos criterios no BOE, as Comunidades Autónomas e as entidades locais poderán presentar a súa candidatura. A elección deberá realizarse nun prazo máximo de seis meses.

A Xunta de Galicia está elaborando, xunto coas universidades e a Eurorrexión, un documento para a presentación da candidatura galega, que se completará cando se desvelen os criterios de selección por parte da Comisión consultiva.

O Executivo autonómico desenvolverá un traballo continuo de colaboración con todos os axentes implicados coa intención de sumar esforzos co obxectivo de que a candidatura elixida por Galicia sexa a mellor posible para que a comunidade poida ser designada como sede da AESIA.

Coñecidas as precandidaturas de A Coruña, Ourense e Santiago de Compostela, os membros do nodo galicIA comprometéronse a apoiar unha candidatura de unidade. A decisión final tomarase en base aos criterios establecidos polo goberno de España, valorándose especialmente o peso do ecosistema empresarial e investigador en materia tecnolóxica.

14 de setembro de 2022 | 18:35 • Sen comentarios
Deixa o teu comentario