A Xunta detecta outros cinco casos de gripe aviaria en mascatos
A Consellería do Medio Rural vén de comunicar ao Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación (MAPA), a través da Rede de Alerta Sanitaria Veterinaria, a detección de cinco casos máis de influenza aviaria de alta patoxenicidade (IAAP) en aves silvestres, confirmados polo Laboratorio Central de Veterinaria de Algete (Madrid). Estes casos únense aos dous detectados anteriormente.
Trátase de cinco individuos de mascato (alcatraz común ou atlántico, Morus bassanus), recollidos en Ares, Doniños (Ferrol), Riazor (A Coruña), O Barqueiro (Mañón) e Meira (Moaña), no marco do Plan de vixilancia da influenza aviaria que desenvolve a Xunta de Galicia. Nos catro primeiros casos, as aves foron trasladadas aos centros de recuperación de fauna silvestre de Oleiros (A Coruña) e a ave localizada en Moaña foi derivada ao centro de Carballedo (Pontevedra). As cinco aves foron sacrificadas.
O mascato é unha ave mariña que nidifica no Atlántico norte, formando colonias de varios miles de parellas, e do que moitos exemplares mozos migran cara ao sur e acadan augas subtropicais ou mesmo tropicais no oeste de África. Polo tanto, nestes momentos, estas aves están atravesando as costas da Península Ibérica no comezo do seu paso migratorio post-nupcial (para invernar) cara a Mauritania e o Golfo de Guinea. Nas súas zonas habituais de residencia no Atlántico norte, as autoridades sanitarias veñen notificando numerosos casos de IAAP nesta especie, posible orixe dos casos detectados agora en Galicia, relacionados coa migración anual destas aves cara o sur.
Aínda que os exemplares da especie afectada son de hábitos exclusivamente mariños e non se aproximan en condicións normais á costa, a Consellería do Medio Rural recorda a necesidade de reforzar as medidas de bioseguridade nas explotacións avícolas, comerciais ou particulares, especialmente aquelas destinadas a evitar o contacto con aves silvestres, así como de intensificar a vixilancia de calquera signo de enfermidade tanto en explotacións avícolas como en aves silvestres, notificando a sospeita aos servizos veterinarios oficiais da Consellería do Medio Rural ou á Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda.