publicidade hoxe

A Xunta defende as demandas sobre o impulso do AVE Vigo-Porto e a saída sur de Vigo que a Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal proporá de cara ao próximo Cumio ibérico

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaGalicia exteriorPortada esquerda
A-
A+

O vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, visitou hoxe xunto co director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, e a delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, a sede en Vigo da Agrupación Europea de Cooperación Territorial (AECT) da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal. Nesta AECT foi recibido polo seu director Nuno Almeida e puxo en valor o traballo desta entidade como punto de encontro para institucións, empresas e cidadáns a ambos lados da “raia” co obxectivo de eliminar as barreiras físicas e burocráticas a través da cooperación transfronteiriza.

Coincidindo coa visita tamén se abordaron as propostas consensuadas entre a Xunta e o Norte de Portugal que se avaliarán no Cumio Ibérico previsto para o próximo outubro na localidade de Viana do Castelo entre os gobernos de España e Portugal. Nesta liña, o Goberno galego e o Norte de Portugal seguen a reclamar o impulso do tren de alta velocidade entre Vigo e Porto e a construción da saída sur de Vigo, como un primeiro paso para prolongar esta liña, así como a conexión internacional por autovía entre Galicia e o noreste portugués.

Diego Calvo lembrou que a Xunta leva reclamado de forma reiterada ao Goberno central que se comprometa coa liña de alta velocidade entre Vigo e Porto para impulsar a competitividade e as sinerxías entre Galicia e Portugal, do mesmo xeito que está a facer o Goberno portugués. Por iso, incidiu na necesidade de que o Executivo estatal impulse a saída sur de Vigo que -explicou- segue co estudo de alternativas e sen planificación orzamentaria para a súa execución. O Goberno galego tamén reclamará de novo melloras no actual tren Celta Vigo-Porto para que conte con boas condicións e frecuencias.

Seguindo co ámbito da mobilidade, a Eurorrexión considera importante o impulso da conexión transfronteiriza por estrada por Macedo de Cavaleiros ata a localidade ourensá da Gudiña, ademais dun acordo internacional entre os dous países, España e Portugal, para o impulso e avance na autovía Celanova-fronteira portuguesa e a construción dunha ciclovía na ponte internacional da Eurocidade Salvaterra-Monçao.

Outra das prioridades da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal ten que ver coa elaboración do Estatuto do traballador Transfronteirizo entre España e Portugal, fixada como medida prioritaria no XXXII Cumio Hispano-Luso do ano pasado en Trujillo (Cáceres), do que se esperan avances na próximo cumio ibérico coa finalidade de mellorar as condicións de traballo e a mobilidade dos traballadores da “raia”.

Por outra banda, o vicepresidente segundo da Xunta sinalou que xa se está a traballar na preparación da participación da Eurorrexión en proxectos conxuntos cos que optar aos fondos do Programa Interreg España-Portugal (POCTEP) 2021-2027.

A Xunta agarda que a Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal manteña a posición de liderado do anterior período entre 2014 e 2020, no que se captaron un total de 163 millóns de euros para a posta en marcha de 85 proxectos.

12 de setembro de 2022 | 19:51 • Sen comentarios

Comentarios pechados.