publicidade hoxe

A Xunta convoca o Curso superior de intervención policial en violencia de xénero para as forzas e corpos de seguridade

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaLocal PortadaPortada dereita
A-
A+

A Academia Galega de Seguridade Pública (Agasp) convoca o Curso superior de intervención policial en violencia de xénero dirixido ás forzas e os corpos de seguridade que traballan en Galicia -Policía Autonómica, Policía Nacional, Policía Local e Garda Civil-. Segundo publica hoxe o Diario Oficial de Galicia, a acción formativa desenvolverase en liña a partir do 1 de outubro e terá unha duración de 100 horas.

O itinerario estrutúrase en seis cursos que abranguen a conceptualización da violencia de xénero, a actuación policial ante un suposto de violencia de xénero, a actuación coas vítimas, a intervención co maltratador e a intervención diferida en violencia de xénero dixital. Abórdase tamén a orde de protección. Cada un deles ten unha duración de 15 horas ao longo de dez días, agás o último, que se prolonga ata as 25 horas durante 20 días. A maiores engádense 10 xornadas para recuperacións ou actividades convalidantes, co que o peche da programación será o 19 de decembro.

A metodoloxía deseñouse para facilitar a participación do alumnado, de xeito que poida compatibilizar a asistencia coa súa actividade profesional.

Protocolos, orde de protección e violencia dixital

Os obxectivos da iniciativa son definir os conceptos básicos da violencia de xénero e sobre a muller, repasar os protocolos de primeira intervención policial nas actuacións neste ámbito, coñecer os indicadores de risco de maior incidencia e adquirir habilidades para interaccionar tanto coas vítimas coma cos maltratadores. Tamén se busca afondar na detección da violencia de xénero dixital.

O curso convocado hoxe celébrase por primeira vez en engloba todos os contidos ao máximo nivel, recollendo tamén a orde de protección, que se crea co protocolo cero da última modificación legal, e a violencia dixital, xa que as novas tecnoloxías supoñen un novo foco de risco especialmente para as adolescentes.

A Agasp inclúe a violencia de xénero como un bloque independente nos seus plans de formación. Ademais, todos os cursos selectivos de acceso e promoción interna nos corpos de Policía Local teñen un módulo obrigatorio nesta materia e desde 2017 fanse accións formativas descentralizadas por toda Galicia nas comandancias da Garda Civil e nas comisarías de Policía Nacional co obxectivo de lograr o 100% de profesionais coa mesma formación inicial.

Nesta liña de acción enmárcase precisamente o I Congreso nacional de violencia de xénero para as forzas e corpos de seguridade, que se desenvolve nas xornadas de onte e de hoxe na sede da Academia. No encontro estanse a abordar todos os aspectos vinculados co trato coas vítimas a prol de mellorar os recursos destinados á atención inicial e á protección.

Adestramento coa arma regulamentaria

Por outra banda, o Diario Oficial de Galicia tamén publica hoxe a convocatoria da segunda práctica do Plan anual de adestramento regulamentario para a seguridade no manexo das armas. A través desta iniciativa, todos os axentes das policías locais de concellos que non posúen galería de tiro propia poden asistir ás clases gratuítas na Agasp, impartidas por instrutores titulados. Cada ano realizan este plan máis de 1.300 axentes de Galicia.

As administracións locais interesadas en participar poden xa reservar prazas para os seus policías a partir de mañá. As prácticas realizaranse ao longo de outubro.

Ao igual que o Curso superior de intervención policial en violencia de xénero, a medida insírese nos plans de formación anuais da Academia, cunha oferta específica en materia de armamento tanto teórica, con normativa, como práctica, con cursos de especialización coma tiro nocturno ou tiro en situacións de estrés. Nesta liña, a pasada primavera tivo lugar un curso de instrutor de tiro no que 20 novos axentes obtiveron a titulación.

Cómpre lembrar que a arma regulamentaria é un elemento de dotación obrigatoria para todos os axentes da autoridade. O seu manexo forma parte como materia troncal nos cursos de acceso á categoría de policía e a práctica continua é fundamental para adquirir as destrezas precisas no caso de ter que ser empregada. O 95% dos policías non empregan a súa arma en toda a súa vida laboral, un dato que reflicte a seguridade da comunidade galega.

16 de setembro de 2022 | 13:40 • Sen comentarios
Deixa o teu comentario