publicidade hoxe

A Xunta aprobará este outono o Plan de Arquivos, que optimizará a xestión documental e apostará pola dixitalización

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada dereita
A-
A+

O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, anunciou hoxe no Parlamento a aprobación este outono do novo Plan de Arquivos da Xunta, a folla de ruta que optimizará a xestión, apostará pola dixitalización, dotará de recursos e potenciará a difusión nos centros arquivísticos xestionados pola administración autonómica, un total de 23.

O representante da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades avanzou que a tramitación do plan se atopa xa nas últimas fases e estará organizado en tres liñas estratéxicas e 40 accións tanto para mellorar e ordenar os recursos persoais e materiais, como optimizar a organización e funcionamento destes equipamentos. Aplicarase nos centros xestionados pola Xunta: 12 arquivos centrais, que corresponden ás distintas consellerías; seis territoriais dependentes das delegacións da Xunta, os catro arquivos históricos provinciais e o Arquivo de Galicia, situado na Cidade da Cultura.

“Achegaremos máis e mellor a actividade dos arquivos e servizos a todos os cidadáns, e a dixitalización xogará un papel cada vez máis relevante, na liña do realizado nos últimos años”, expresou. Anxo M. Lorenzo salientou a importancia destes equipamentos na política cultural da Xunta e fixo balance do traballo emprendido nos últimos anos para a súa posta en valor e mellora, cun investimento anual de 4,5 M€.

Mellora da conservación

Como indicou, desde a entrada en vigor da Lei de Arquivos de Galicia, creáronse organismos como o Consello de Arquivos de Galicia ou o de Avaliación Documental de Galicia, que permitiron reforzar o asesoramento para a selección de documentos. Neste tempo melloráronse as instalacións dos arquivos dotáronse de ferramentas de xestión documental integrais que permitiron dixitalizar a súa xestión e gañar seguridade na conservación dos datos asociados aos fondos. Tamén se contribuíu a restaurar e recuperar fondos de gran valor que estaban danados e en moi mal estado de conservación.

O traballo levado a cabo pola Xunta facilitou tamén o acceso e dixitalización de valiosos fondos documentais de institucións públicas e privadas que custodia a historia individual e colectiva de Galicia, mesmo moitos deles forman parte do repositorio Galiciana. Arquivo Dixital de Galicia, que a día de hoxe conta con arredor de 3 millóns de documentos dixitalizados. Tamén se referiu á boa resposta entre a cidadanía. De feito, no último ano incrementou un 38% o seu número de visitas e un 42% o número de imaxes dos seus fondos.

16 de setembro de 2022 | 13:46 • Sen comentarios
Deixa o teu comentario