publicidade hoxe

A Xunta apoiará as candidaturas galegas a sedes do Mundial 2030

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDeportesDeportes PortadaGaliciaPortada dereita
A-
A+

O presidente do Goberno galego, Alfonso Rueda, sinalou que o Consello da Xunta aprobou hoxe o acordo mediante o que se declara o apoio do Goberno galego ás candidaturas galegas a sede do Mundial 2030. Deste xeito, a Xunta manifesta a súa vontade de cumprir, no marco das súas competencias e da dispoñibilidade orzamentaria, cos requisitos fixados pola Federación Internacional de Fútbol (FIFA) para o desenvolvemento do campionato. Así, comprométese a colaborar co seu comité organizador no caso de que a candidatura conxunta de España e Portugal sexa designada finalmente como sede desta competición e algún dos dous estadios galegos postulados -Riazor na Coruña e Balaídos en Vigo- sexan escollidos para disputar encontros do torneo.

Cómpre aclarar que o pasado xuño España, xunto con Portugal, presentou a súa candidatura para albergar este Mundial e sumarse ao proceso de definición de sedes e subsedes. No marco desta candidatura ibérica, coñéceronse, tamén o pasado mes de xullo, os 15 estadios españois que se postulan como posibles sedes do torneos, entre eles, no caso de Galicia, o de Riazor, na Coruña e o de Balaídos, en Vigo.

Nese mesmo mes o Goberno central, a través do Ministerio de Cultura e Deporte, trasladara ás comunidades o borrador dos requisitos da FIFA para que os estadios puidesen acoller o evento. Nesta liña, a Vicepresidencia Segunda da Xunta, ademais de trasladar a información ás entidades locais titulares dos estadios de Riazor e Balaídos para optar como posibles sedes ou subsedes, solicitou á Real Federación Española de Fútbol (RFEF) a importancia de flexibilizar os requisitos. Así, segundo explicou o líder do Executivo autonómico, “a comunidade traballará para cumprir con todos os requisitos que estableza a FIFA, na parte que nos corresponda, e colaborará co Comité Organizador da Copa do Mundo para desenvolvelos, así como cos dous concellos titulares das instalacións, a Xunta colaborará dentro das súas responsabiliades orzamentarias”.

Aínda non se recoñecen os requisitos oficiais e definitivos que establece a FIFA para ser sede do torneo, pero tendo en conta os que debían de cumprir todos os estadios para optar a ser sede no Mundial de 2026, estes estadios deberán afrontar importantes reformas loxísticas e económicas, constituíndo un gran reto para as entidades locais titulares dos estadios o cumprimento dos requisitos exixidos. Ambos os dous estadios son de titularidade municipal, pero “o Goberno galego acordou no Consello da Xunta a manifestación do seu interese para acoller este evento”, expresou o presidente da Xunta en rolda de prensa.

A Xunta é consciente do gran reto organizativo que supón acoller un evento desta envergadura, polo que a designación dunha sede en Galicia suporía un fito destacado para a comunidade a nivel tanto deportivo como turístico e económico. Por iso, o Goberno galego xa ten trasladado á RFEF a máxima colaboración na organización do campionato no caso de que algunha das candidaturas galegas sexa escollida como sede de partidos do campionato.

22 de setembro de 2022 | 19:14 • Sen comentarios

Comentarios pechados.