publicidade hoxe

A Xunta aplica un desconto do 50% nos prezos do autobús autonómico e estende rebaixas ao transporte da ría de Vigo e ao tren na área de Ferrol

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaGaliciaLocal PortadaPontevedraPortada esquerda
A-
A+

A Xunta aplica desde hoxe un desconto do 50% nos prezos do autobús autonómico e estende as rebaixas ao transporte da ría de Vigo e ao ferrocarril na área de Ferrol. A rebaixa aplicarase sobre as tarifas dos bonos multiviaxe e das tarxetas de Mobilidade de Galicia.

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a orde pola que se regula o establecemento dunha minoración adicional e temporal nas tarifas bonificadas de aplicación no transporte público interurbano da competencia da Xunta. No seguinte enlace ao DOG pódese ampliar esta información: http://xurl.es/i3kmy

O Goberno galego aplicará ata o 31 de decembro a máxima bonificación no transporte público de titularidade autonómica, unha subvención que polo momento se financiará integramente con cargo aos orzamentos da Comunidade Autónoma.

Ademais, o Executivo autonómico estende esa bonificación do 50% ao transporte da ría de Vigo, que comunica a cidade olívica cos concellos de Cangas e de Moaña; así como no ferrocarril de proximidade na área de Ferrol, ao formar parte do Plan de transporte metropolitano.

Esta redución temporal do prezo aplicarase ás tarifas dos bonos mensuais, aínda que fosen adquiridos con anterioridade ao 1 de setembro, así como ás viaxes aboadas coas tarxetas de Mobilidade de Galicia e Xente Nova.

O citado desconto tamén abrangue os servizos urbanos de Ferrol e de Pontevedra, cidades onde o transporte público se realiza a través de concesións autonómicas.

Estas bonificacións permitirán que, por exemplo, a viaxe entre Santiago e A Coruña pase a supoñer un prezo final de 2,95 euros fronte á situación actual, na que o itinerario ten un custo de 5,90 euros coa tarxeta TMG.

Toda a información relativa aos descontos e á súa aplicación no transporte público interurbano de Galicia está dispoñible na páxina web bus.gal.

O Goberno galego, con estes incentivos, busca dar resposta ás necesidades reais dos cidadáns en materia de mobilidade.

Cómpre lembrar que o Executivo central anunciara recursos para bonificar desde hoxe nun 30% o transporte autonómico, coa posibilidade de ampliar ata o 50%, pero chegada esta data, o Ministerio de Transportes aínda non concretou nin canto diñeiro lle transferirá a Galicia nin tampouco cando aboará esa subvención.

Aposta polo transporte público

A Xunta vén realizando nos últimos anos unha aposta sen precedentes polo transporte público, coa renovación integral de todas as liñas de transporte interurbano e a posta en marcha de diferentes tipos de bonificacións.

O Goberno galego puxo en funcionamento unha medida pioneira na España das autonomías, coa activación da tarxeta Xente Nova, coa que xa hai máis de 120.000 mozos viaxando gratis por toda Galicia nos autobuses interurbanos.

Para isto, o Executivo autonómico financia máis do 76% do custo das 3.4000 liñas de transporte interurbano que operan na actualidade en Galicia, destinando a este fin 80 M€ ao ano, cos que, ademais, os menores de 21 anos viaxan gratis.

1 de setembro de 2022 | 19:43 • Sen comentarios

Comentarios pechados.