publicidade hoxe

A Xunta amplía ata o 15 de outubro o prazo para presentar licenzas e permisos das axudas de plans de mellora, incorporación de mozos e pequenas explotacións

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada dereita
A-
A+

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a orde da Consellería do Medio Rural que amplía nun mes -ata o 15 de outubro- o prazo de presentación da licenza municipal de obra e dos diferentes permisos administrativos correspondentes ás axudas de plans de mellora, incorporación de mozos e pequenas explotacións.

A ampliación do prazo decídese, un ano máis, ante as peticións de diferentes colectivos e tendo en conta o elevado número de solicitudes e a complexidade urbanística e sectorial dos expedientes de solicitude de licenza ou permiso administrativo que dificultan a finalización dos procedementos de autorización. A orde entra en vigor mañá, día seguinte ao da publicación no Diario Oficial de Galicia.

Cómpre lembrar que o orzamento da convocatoria de 2022 -encadrada no Programa de Desenvolvemento Rural (PDR) de Galicia 2014-2020- chega aos 37,5 millóns de euros. En concreto, 20 millóns irán destinados a plans de mellora, 15 millóns investiranse na incorporación de mozos á actividade agraria e 2,5 millóns de euros focalizaranse na creación de empresas para o desenvolvemento de pequenas explotacións. Ademais e como novidade nesta convocatoria de axudas, resérvase un 10% do orzamento para as persoas solicitantes que estean incluídas no desenvolvemento dun proxecto de aldea modelo ou polígono agroforestal, no marco da Lei de recuperación da terra agraria.

Ao abeiro da última convocatoria -a de 2020- un total de 715 beneficiarios recibiron axuda para acometer plans de mellora, 278 mozos e mozas obtiveron subvención para incorporarse ao agro e 213 persoas solicitantes conseguiron achega para a creación de pequenas explotacións.

14 de setembro de 2022 | 18:26 • Sen comentarios

Comentarios pechados.