publicidade hoxe

A Xunta adxudica por 380.000€ a redacción do proxecto básico e de execución das obras do novo centro de saúde de Vilagarcía de Arousa

A Xunta adxudicou por case 380.000 euros o contrato para a redacción de proxecto básico e de execución e dirección de obra do novo centro de saúde de Vilagarcía de Arousa.

Este contrato, que se asinará no mes de outubro, prevé un prazo de 4 meses para entregar o proxecto básico e 5 meses para o proxecto de execución, unha vez que o proxecto básico sexa informado favorablemente.

O orzamento previsto para a execución das obras do novo centro de saúde de Vilagarcía de Arousa é de 10,21 M€, un investimento da Xunta que quedará definido e determinado no proxecto de execución que é obxecto do contrato adxudicado hoxe.

O novo centro de saúde disporá dunha superficie construída de máis de 5.000 metros cadrados, que ampliará nun 55% a superficie do actual, o que vai permitir unha importante ampliación de espazos.

O Plan funcional previsto prevé tres consultas de medicina xeral ata chegar ás 17, 4 máis de enfermaría, ata as 17 tamén; unha máis de pediatría e dúas máis de enfermería pediátrica, ata chegar a 5 de cada.

As instalacións contarán tamén con 2 consultas en lugar dunha das áreas de: farmacia, traballo social, matrona, odontoloxía, hixienista dental ou fisioterapia.

Ademais, o centro terá 5 consultas de docencia onde hoxe só hai unha e incorpóranse áreas como a sala de illamento, a consulta do programa da muller, a sala pediátrica integral, as cabinas de tratamento e vestiarios do ximnasio de fisioterapia ou consultas médicas e de enfermaría para que poidan acudir especialistas do hospital.

Este proxecto enmárcase no convenio asinado en xaneiro entre a Consellería de Sanidade e o Concello de Vilagarcía. A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade será a encargada de licitar e executar as obras, seguindo a encomenda da Consellería de Sanidade.

Os terreos dispoñibles para a construción do novo centro de saúde sitúanse na avenida da Mariña e foron terreos portuarios da antiga comandancia que poderán ser postos a disposición da Xunta grazas a un protocolo asinado entre Xunta, Concello e Autoridade Portuaria.

Este complexo é un dos contemplados na fase 0 do Plan de Infraestruturas Sanitarias de Atención Primaria aprobado en outubro de 2021 polo Consello da Xunta, que recolle 51 actuacións de construción ou reforma en centros de saúde de toda Galicia.

19 de setembro de 2022 | 13:50 • Sen comentarios
Deixa o teu comentario