publicidade hoxe

A Comisión Europea selecciona o proxecto para implantar a FP dual transfronteiriza da Eurorrexión Galicia-Norte Portugal

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaGalicia exteriorPortada esquerda
A-
A+

A Comisión Europea vén de seleccionar un novo proxecto da Agrupación Europea de Cooperación Territorial da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal na convocatoria B-Solutions, xestionada pola Asociación de Rexións Fronteirizas Europeas. O traballo centrarase en buscar fórmulas que eliminen os obstáculos ou simplifiquen a implantación da Formación Profesional Dual transfronteiriza.

A través da iniciativa, nesta modalidade formativa que compaxina o estudo en centros educativos co traballo en empresas, o alumnado realizará a formación nunha localidade e terá o contrato laboral nunha empresa do outro país.

A fronteira entre Galicia e Portugal é o espazo máis dinámico en termos económicos, sociais e culturais de toda a marxe ibérica, así como a que rexistra máis traballadores transfronteirizos. Nesta liña, o proxecto presentado pola AECT da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal pretende eliminar obstáculos e simplificar procedementos para o alumnado-traballador e o sector empresarial.

Trátase así de aumentar a cohesión territorial da Eurorrexión, co incentivo de procesos innovadores na formación da mocidade e da relación entre as administracións, as empresas e a cidadanía para asegurar unha resposta áxil ás súas necesidades e promover a recuperación económica. A maiores, a FP Dual transfronteiriza ten o valor engadido de ofrecer formación nun contexto internacional e facilitar o coñecemento de idiomas.

Esta iniciativa é a cuarta das impulsadas pola AECT seleccionada pola Comisión Europea. Así, en 2019 o proxecto para simplificar a mobilidade transfronteiriza e facilitar a libre circulación de menores para desenvolver intercambios culturais, deportivos ou educativos foi incluído como proposta de traballo na estratexia común de desenvolvemento transfronteirizo aprobada pola Cimeira Ibérica da Guarda. Xa en 2020, o proxecto elixido centrouse na eliminación da guía de circulación para os coches de traballadores transfronteirizos, e en 2021, tamén estivo relacionado coa simplificación dos trámites para a contratación de teletraballadores transfronteirizos.

Eliminación de obstáculos transfronteirizos

O programa B-Solutions ten como obxectivos identificar e promover a resolución de obstáculos fronteirizos de carácter xurídico ou administrativo que lle afectan á poboación ao longo de todas as fronteiras internas da Unión Europea. A convocatoria de 2022 destínase a proporcionar apoio de especialistas legais nas áreas de cooperación institucional, emprego e formación, servizos públicos transfronteirizos e medio ambiente. Búscase analizar os obstáculos concretos nunha fronteira específica e identificar tanto a solución coma o marco legal para proceder.

A AECT da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal está constituída pola Xunta e pola Comisión de Coordinación e Desenvolvemento Rexional do Norte de Portugal. Ten como obxectivo principal fomentar a cooperación institucional para eliminar as barreiras físicas e burocráticas e contribuír a mitigar o efecto fronteira que permita a creación dunha Eurorrexión auténtica e efectiva. As actividades desenvolvidas buscan promover a competitividade empresarial a través do coñecemento e da innovación, potenciar e racionalizar os equipamentos básicos transfronteirizos, ademais de aumentar a cohesión económica, social, cultural e institucional.

5 de setembro de 2022 | 13:23 • Sen comentarios

Comentarios pechados.