Un total de 30 patrullas do Exército súmanse aos efectivos antiincendios da Xunta para reforzar a vixilancia, a disuasión e a identificación dos potenciais axentes do lume
Un total de 30 patrullas do Exército súmanse aos efectivos antiincendios da Xunta para reforzar a vixilancia, a disuasión e a identificación dos potenciais axentes dos lumes forestais. Así o destacou o conselleiro do Medio Rural, José González, que presidiu hoxe a presentación das tropas da Operación Centinela Gallego, no marco dun convenio entre o Goberno galego e o Ministerio de Defensa que supón un investimento de preto de 500.000 euros.
No acto, o conselleiro destacou que 30 patrullas terrestres e dous equipos de mantemento móbil se despregarán nos montes galegos no marco deste operativo, que se renova un ano máis. O obxectivo é que a presenza de medios militares contribúa a atallar eventuais lumes ou actividades incendiarias, ao supor un aumento do número de efectivos sobre o territorio, co consecuente reforzo da vixilancia e da disuasión.
Nesa liña, o titular de Medio Rural lembrou que os efectivos das Forzas Armadas se incorporan ao operativo co obxectivo -segundo dixo- de mellorar a seguridade das persoas e dos bens e, en xeral, a protección e defensa da riqueza forestal da nosa comunidade fronte á ameaza dos lumes. Dentro deses efectivos, contamos -tal e como lembrou- coa Unidade de Investigación de Incendios Forestais (UIFO), que -tras a súa creación o ano pasado- está a traballar arreo estes días, para esclarecer as circunstancias dos lumes rexistrados.
No eido tecnolóxico, o dispositivo contra o lume conta con drons despregados polo territorio e este ano acádanse -ademais- as 148 cámaras de última xeración na rede de vixilancia fixa, provistas dunha tecnoloxía especialmente deseñada para exteriores e vixilancia forestal que é capaz mesmo de identificar matrículas de vehículos nas pistas.
Ademais de agradecer o labor de todos os efectivos contra o lume que operan baixo o mando único da Xunta, José González aproveitou para volver apelar á prudencia e á colaboración cidadá. Nesa dirección, lembrou que está a disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085, ao que se debe chamar en caso de detectar algún lume forestal.
Así mesmo, segundo recalcou, está dispoñible o teléfono anónimo e gratuíto 900 815 085, para denunciar calquera actividade incendiaria delituosa da que se teña sospeita ou coñecemento. Neste caso, o titular de Medio Rural apuntou que no mes de xullo se rexistraron arredor de 120 chamadas e que algunha delas está derivando en investigación.