publicidade hoxe

Rueda enxalza o esforzo da Xunta por construír itinerarios peonís seguros e destaca o Salnés como área de referencia en mobilidade sustentable

O presidente galego na visita para comprobar os avances dos traballos

O presidente galego na visita para comprobar os avances dos traballos

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, enxalzou hoxe a aposta do Goberno galego pola construción de itinerarios peonís seguros na comunidade e destacou a comarca do Salnés como área de referencia en mobilidade sustentable.

Nunha visita para comprobar os avances nos traballos de humanización e creación dunha senda peonil na PO-549, entre Vilanova e Vilagarcía de Arousa, Rueda lembrou o “gran esforzo” da Xunta a prol de reducir os desprazamentos individuais por estrada en Galicia. “Seguimos traballando na mobilidade sustentable, un concepto do que tanto se fala, pero que necesita obras como esta para ser unha realidade”, remarcou o presidente.

O proxecto inclúe a creación dun percorrido peonil seguro e integrado ao longo de 3,27 quilómetros cun investimento de máis de 1,1 millóns de euros. As obras comezaron na primavera deste ano e a previsión, segundo avanzou o titular do Executivo galego, é que rematen nos primeiros meses do 2023.

O resultado dos traballos será un itinerario completo entre Cambados, Vilanova e Vilagarcía, ademais da Illa de Arousa, que beneficiará a 70.000 veciños. Con esta actuación o que se procura, segundo puxo en valor o presidente da Xunta é que a veciñanza poida realizar os seus desprazamentos cotiás de xeito alternativo ao vehículo particular.

200 quilómetros das sendas

Rueda lembrou que o Goberno galego leva construído 200 quilómetros de sendas desde o ano 2016 cun orzamento total de 50 millóns de euros e adiantou que ademais deste proxecto en marcha entre Vilanova e Vilagarcía de Arousa, o Executivo galego está a traballar para construír un novo itinerario entre Caleiro e Vilanova -na actualidade sometido a información pública- ao que se destina 1,3 millóns de euros.

9 de agosto de 2022 | 14:42 • Sen comentarios

Comentarios pechados.