publicidade hoxe

‘Rapa’ regresa a Galicia para rodar a súa segunda temporada

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaLocal PortadaPortada dereitaProvincias
A-
A+
Román Rodríguez na reunión con Alfonso Blanco, director xeral da produtora

Román Rodríguez na reunión con Alfonso Blanco, director xeral da produtora

A serie Rapa ten confirmada xa unha segunda temporada para Movistar Plus+, que suporá o inminente regreso a Ferrolterra do equipo comandado pola produtora galega Portocabo para a filmación dos novos episodios cos que se agarda repetir o éxito da primeira entrega.

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, acompañado polo director de Industrias Culturais, Jacobo Sutil, reuniuse con Alfonso Blanco, director xeral da produtora, cuxa segunda temporada da serie será apoiada novamente pola Xunta a través do fondo de atracción de rodaxes do Hub Audiovisual con 300.000 euros.

Do mesmo xeito que para os episodios xa estreados o pasado mes de maio na plataforma Movistar Plus+, este apoio á continuidade da serie canalízase a través do fondo para a atracción de rodaxes do Hub Audiovisual da Industria Cultural, que busca actuar como incentivo para converter o territorio galego nun escenario habitual de producións cinematográficas e televisivas.

Ao tempo, esta liña de axudas para o fomento e a promoción de rodaxes audiovisuais que favorezan a recuperación económica do sector leva aparellado un compromiso de gasto mínimo en Galicia por parte das produtoras beneficiarias, que se traduce nun importante retorno económico nas áreas nas que se levan a cabo as rodaxes. Desta volta, agárdase superar as cifras acadadas pola primeira temporada de Rapa, cuxo gasto na nosa Comunidade situouse arredor dos 4,2 millóns de euros, investimento que á súa vez implicou un retorno económico directo e indirecto de 5,6 millóns de euros e a creación de 85 empregos en termos equivalentes anuais.

Mellor estrea da temporada

Creada por Pepe Coira e Fran Araújo, a primeira temporada de Rapa converteuse na mellor estrea da temporada en Movistar Plus+. A cidade de Ferrol será o escenario principal desta nova entrega da serie, que volverán protagonizar Mónica López, como Maite, e por Javier Cámara, como Tomás.

Con esta adxudicación, a segunda temporada da serieconvértese no terceiro proxecto beneficiario da segunda convocatoria do fondo para a captación de rodaxes, sumándose á tamén segunda temporada da miniserie Operación Marea Negra, de Ficción Producciones para Prime Video, e mais ao filme Amigos hasta la muerte, das produtoras Undodez e Medio Limón, que xa se están a gravar en distintas localización galegas. Na primeira quenda, as propostas adxudicatarias foron Argonautas e a primeira entrega de Rapa, ambas de Portocabo; Hasta el cielo, de Vaca Net TV, e 13 exorcismos, de Bambú Producciones.

Sete liñas de axuda

Estas subvencións para o fomento e a promoción de rodaxes audiovisuais en Galicia son, á súa vez, unha das sete liñas de axuda convocadas ata o momento pola Xunta ao abeiro do Hub Audiovisual da Industria Cultural, programa de apoio sen precedentes para o conxunto do sector que busca acelerar a recuperación e garantir a estabilidade dos profesionais desta industria

Cóntase para tal fin cun orzamento de 9,6 millóns de euros durante o período 2021-2023 a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) dentro do Eixo REACT-UE do Programa Operativo Feder Galicia 2014-2020, como parte da resposta da Unión Europea á pandemia da Covid-19.

30 de agosto de 2022 | 14:01 • Sen comentarios

Comentarios pechados.