publicidade hoxe

Os ingresos das lonxas galegas pola venda de polbo na última campaña constatan a recuperación da especie na Comunidade

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaLocalLocal PortadaPortada dereitaProvincias
A-
A+

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, visitou hoxe a lonxa de Bueu xunto cos representantes da confraría de pescadores e analizou con eles a evolución do sector nos últimos meses, especialmente a campaña do polbo. En relación a esta última cuestión, destacou que a campaña 2021-2022 foi a mellor dos últimos anos ao saldarse con máis de 15,5 millóns de euros facturados, uns ingresos que triplican os da campaña 2020-2021, caracterizada por un importante descenso como consecuencia de distintos factores. De feito, as máis de 1.700 toneladas comercializadas nas lonxas da comunidade nese período supoñen máis do dobre que a campaña 2020-2021.

Ademais, a titular de Mar sinalou que, entre xullo do ano pasado e maio deste ano, o prezo medio do polbo, de máis de 9 euros o quilo, foi o máis alto das últimas tres campañas en primeira venda. Estes datos, expuxo, amosan a boa evolución dun recurso do que na última campaña a cantidade comercializada duplicou á da campaña 2020/2021.

No caso da lonxa de Bueu, na pasada campaña comercializáronse máis de 106 toneladas de polbo -case o triplo que no período 2020-2021-, cunha facturación que superou o millón de euros. O prezo medio situouse no 9,7 euros por quilo, o que representa máis dun 45% por enriba da media histórica e constitúe o segundo mellor valor da serie, superado polos 9,93 euros o quilo da campaña 2017-2018.

Segundo subliñou Rosa Quintana, estes datos son un reflexo de que a evolución do polbo é cíclica. Nesta liña, engadiu que os indicios como a abundancia de xuvenís no mar apuntaban a unha mellora nos resultados da última campaña.

O resultado desta pesqueira, que conta con preto de 1.200 embarcacións autorizadas en Galicia, é froito da xestión conxunta realizada pola Administración en consenso co sector e que permite establecer cada ano unha veda de arredor de mes e medio de duración. Este período de descanso para a especie é unha das medidas técnicas incluídas no plan de xestión coa finalidade de axustar a explotación do recurso ao seu ciclo de vida e así protexer a súa reprodución e contribuír a unha pesca máis sustentable.

Campaña actual

Nas cinco primeiras semanas da campaña actual, que deu comezo o pasado 4 de xullo, as vendas de polbo nas lonxas galegas foron de arredor de 230 toneladas, cun prezo medio de 8,8 euros o quilo, o que o sitúa como o terceiro máis alto da serie histórica. Así o destacou tamén a conselleira do Mar na visita de hoxe, unha cita que se enmarca no contacto permanente da Xunta co sector para avaliar as súas necesidades e analizar a evolución da súa actividade.

No caso do polbo, as partes realizan un seguimento constante da súa situación a través da comisión de seguimento do plan de xestión da especie, no que analizan o seu estado e adoptan as medidas máis oportunas para o desenvolvemento sustentable da actividade, como é o caso da veda.

9 de agosto de 2022 | 14:33 • Sen comentarios

Comentarios pechados.