publicidade hoxe

Os centros de infantil e Primaria terán 130 aulas máis o próximo curso que antes da pandemia malia perder case 9.200 alumnos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada esquerda
A-
A+

O sistema educativo público galego vai contar a partir de setembro con máis aulas de Infantil e Primaria en funcionamento que as que había no curso 2019/20, o último antes da pandemia, malia a rexistrar un descenso de case 9.200 alumnos menos matriculados nestas etapas neste período. O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a modificación do catálogo de unidades, que é o resultado da organización escolar atendendo aos datos oficiais de matrícula rexistrados.

Así pois, este curso 2022/23 haberá un total de 7.581 aulas de Infantil e Primaria en funcionamento no sistema educativo público, o que supoñe 130 aulas máis que as 7.451 do curso 2019/20, pese a un acusado descenso de 9.184 matrículas neste período de tres anos.

Con esta distribución de unidades e a dotación de todo o profesorado necesario para atendelas, a Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades dá resposta as necesidades dos 128.091 escolares matriculados no sistema público para as mencionadas etapas.

De feito, Galicia ten en marcha tres procesos de oposición entre este e o próximo ano que suman preto de 4.000 prazas docentes, o que -un vez rematados- reducirá a taxa de interinidade ao 6% (actualmente, co 8%, xa é a comunidade autónoma con menos profesores interinos do Estado).

Cómpre lembrar que as rateos establecidas pola normativa estatal para Infantil e Primaria son de 25 alumnos por aula, e en Galicia, o 70% das aulas destas etapas teñen 20 alumnos ou menos (e destas, o 30% teñen 10 ou menos alumnos). A isto engádese que a Comunidade galega se mantén nos postos de cabeza no relativo á rateo alumno/profesor, cunha media de 10,2 estudantes por cada docente no ensino, só por detrás de Estremadura e á par de Asturias e Cantabria. A media nacional é de 12.

Praza asegurada no centro solicitado

Cómpre sinalar tamén que o 99,26% do alumnado que solicitou praza en 4º curso de Educación Infantil –3 anos– nos centros educativos sostidos con fondos públicos nas catro provincias galegas para este curso obtívoa no colexio escollido como primeira opción, polo que practicamente a totalidade das familias escolarizan os seus fillos no centro de preferencia.

Doutra banda, os últimos informes publicados a nivel nacional indican que en Galicia o 99,7% do alumnado de Infantil e Primaria conta con servizo educativo no concello onde reside. Isto supón que só o 0,3% non dispón del no seu municipio fronte ao 1,2% de medida de España.

Integración de centros

Ademais disto, e atendendo ás solicitudes da comunidade educativa local e dos concellos das súa respectivas zonas, procédese á integración da Escola de Educación Infantil (EEI) Nosa Señora do Carme (Marín) no Colexio de Educación Primaria (CEP) de Sequelo, que pasará a ser un Colexio de Educación Infantil e Primaria (CEIP); e á integración da Escola de Educación Infantil (EEI) Vagalume (Vilagarcía de Arousa) no colexio de Educación Infantil e Primaria (CEIP) Arealonga do mesmo concello.

Por outra banda, debido á falta de matrículas, deixarán de prestar servizo o colexio CEIP de Sillobre en Fene (3 matrículas) e o colexio CEIP de Merza (ningunha matrícula rexistrada). En todos os casos, estas decisións son froito do consenso das comunidades educativas e das administracións locais respectivas.

Precisamente tendo en conta as necesidades de escolarización e para atender a demanda en determinadas zonas de maior dinamismo demográfico, nestes momentos a Consellería ten programadas ampliacións de centros (como é o caso da ampliación do instituto IES Pedras Rubias en Salceda de Caselas ou o Antón Losada Diéguez da Estrada) e de novas construcións (como o novo instituto de Navia en Vigo ou o novo colexio do Milladoiro, en Ames).

12 de agosto de 2022 | 13:20 • Sen comentarios

Comentarios pechados.