publicidade hoxe

O sector bateeiro benefíase este ano de máis do 80% das axudas concedidas pola Xunta de Galicia para impulsar unha acuicultura sustentable

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada dereita
A-
A+

Máis do 80% das axudas que aprobou este ano a Xunta de Galicia para investimentos produtivos no sector acuícola que fomenten unha actividade sustentable están vencelladas co sector bateeiro. Así o destacou hoxe a conselleira do Mar, Rosa Quintana, durante a visita a unha batea na ría de Vigo, que foi beneficiaria deste tipo de apoios.

Alí a titular de Mar estivo acompañada polo director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Antonio Basanta, e detallou que na convocatoria de 2022 destas achegas, cofinanciadas polo Fondo Europeo Marítimo e da Pesca (FEMP), se subvencionan un total de 118 proxectos por un importe de preto de 6 millóns de euros.

Delas, incidiu, 96 están relacionados con empresas dedicadas á produción do mexillón e supoñen un valor de axuda de máis de 4,5 millóns de euros (o 75% do total destinado). Por provincias, o 82% das achegas concedidas na da Coruña vai a parar a empresas dedicadas á produción deste bivalvo e na provincia de Pontevedra o sector concentra case o 80% do total.

Este peso do sector bateeiro, subliñou Rosa Quintana, tamén se traslada á produción pois o mexillón é o máximo expoñente da acuicultura na comunidade galega, eido no que supón máis do 95% do volume produción total. A maiores, a titular de Mar expuxo que no 2021 o volume de produción, a facturación e o prezo medio do mexillón experimentaron unha mellora en relación co exercicio anterior marcado pola pandemia da covid-19.

O ano pasado, o prezo medio desta especie acadou os 0,55 € o quilo, unha cotización que é a máis alta da serie. Isto favoreceu, tal e como destacou, que a facturación do sector produtor de mexillón, que foi de preto de 140 millóns de euros, acadase o segundo mellor rexistro desde o ano 2000. En canto á produción, a cifra de 2021 está por enriba da media histórica, con preto de 251.000 toneladas.

Estas axudas, que buscan mellorar a produción, a eficiencia enerxética e a competitividade do sector acuícola, cobren ata o 50% do investimento a realizar, polo que ao abeiro destas iniciativas está previsto mobilizar máis de 11 millóns de euros contando os fondos aportados polas empresas solicitantes.

Os potenciais beneficiarios destas achegas son bateeiros, confrarías de pescadores e acuicultores que promovan unha actividade sustentable e que sexan titulares de establecementos de acuicultura situados nas zonas terrestre, marítimo-terrestre ou marítima e que teñan as súas instalacións na comunidade.

Aumento de competitividade

A través destes apoios, a Consellería do Mar subvenciona actuacións co obxectivo de mellorar os establecementos do sector acuícola de xeito que a produción se incremente en cantidade e calidade, mellorando ademais as condicións de seguridade dos traballadores do mar, o seu rendemento global e a súa competitividade. Ao abeiro destas axudas tamén se financian proxectos que pretendan aumentar a eficiencia enerxética e a reconversión a fontes de enerxía renovables.

Un exemplo de proxecto subvencionado con este tipo de apoios, expuxo a titula de Mar, é a batea visitada hoxe, pois o propietario contou con máis de 35.000 euros na convocatoria do pasado ano que lle permitiron construír unha nova estrutura e modernizar o seu barco bateeiro con diferentes melloras.

3 de agosto de 2022 | 14:32 • Sen comentarios
Deixa o teu comentario