publicidade hoxe

O 30 de setembro remata o prazo para solicitar os bonos consolida e Es-Transforma con axudas de ata 74.000 € para apoiar a economía social

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaLocal PortadaPontevedraPortada dereitaTomiño
A-
A+

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, puxo en valor hoxe en Tomiño as axudas de ata 74.000 euros dos bonos Consolida e Es-Transforma de apoio á economía social en Galicia, uns programas que se poden solicitar aínda, ata o vindeiro 30 de setembro. Nunha visita que realizou á cooperativa Cerne Asesores, beneficiaria, entre outras liñas, do bono Es-Transforma, Lorenzana indicou a importancia da economía social na Comunidade galega e lembrou as vantaxes do programas que ten activos a Xunta neste eido.

O Bono Consolida, que conta con máis de 1,5 millóns de euros e axudas máximas de 20.000 euros, permite apoiar a transformación dixital e a mellora da eficiencia enerxética favorecendo, deste xeito, o incremento da competitividade das cooperativas, sociedades laborais, empresas de inserción laboral ou centros especiais de emprego, segundo explicou a conselleira.

Con respecto ao programa Es-Transforma, con apoios de ata 74.000 euros, Lorenzana apuntou que con 1,57 millóns de euros impulsa a recuperación de negocios en crise ou sen opción a remuda xeracional mediante fórmulas de economía social, apoiando, así, ás persoas traballadoras que decidan asumir a titularidade destes negocios mediante a creación dunha cooperativa ou duna sociedade laboral. Nesta edición, como novidade, foméntase tamén a unión de persoas autónomas e a transformación de todo tipo de sociedades en cooperativas ou sociedades laborais.

Cerne Asesores, que presta servizos de asesoría fiscal e financeira a empresas, en especial a pemes e autónomos, foi unha das primeiras empresas que confiou, tal e como explicou a conselleira, nas axudas de Es-Transforma que se puxeron en marcha por primeira vez o pasado ano. En 2020, sete mulleres -agora socias da cooperativa- decidiron apostar por esta fórmula de negocio para manter a empresa, tras a xubilación do antigo dono. Cos 55.000 euros do Bono Es-Transforma que recibiron constituíronse como cooperativa mercando o equipamento e software informático e o material de oficina, podendo continuar, deste xeito, co traballo no que xa levaban preto de 20 anos.

Esta empresa, ademais, foi beneficiaria con 67.500 euros das axudas de Aprol Economía Social coas que a Administración autonómica fomenta o emprendemento neste eido. Así mesmo, a compañía obtivo 3.750 euros con cargo ao programa de incentivos á contratación por conta allea e de formación para favorecer a contratación de persoas desempregadas nas empresas galegas. “Un total de 126.250 euros de apoio autonómico para impulsar o emprendemento no ámbito da economía social, con especial énfase á participación feminina”, destacou Lorenzana, quen para rematar recordou que a economía social representa xa o 7 % do PIB galego cun impacto de máis de 3.000 millóns de euros, e que só entre cooperativas, sociedades laborais, empresas de inserción laboral e centros especiais de emprego está formado por máis de 3.100 compañías que dan traballo a 14.000 persoas.

11 de agosto de 2022 | 13:21 • Sen comentarios

Comentarios pechados.