publicidade hoxe

A Xunta renova o servizo gratuíto de orientación xurídico-laboral que ofrece coa colaboración dos Colexios Oficiais de Graduados Sociais de Galicia

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaLocal PortadaPortada esquerdaProvincias
A-
A+
Sinatura do convenio

Sinatura do convenio

A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade vén de asinar cos tres colexios oficiais de graduados sociais en Galicia (Lugo, Pontevedra e A Coruña e Ourense) un novo convenio de colaboración co fin de seguir a prestar un servizo de orientación e asesoramento xurídico-laboral. As consultas terán, como ata agora, carácter gratuíto e estarán abertas a toda a cidadanía. A directora xeral de Relacións Laborais, Elena Mancha, mantivo hoxe un encontro de traballo de seguimento e actualización do servizo cara ao novo curso cos representantes das tres entidades.

A Xunta, en colaboración cos colexios oficiais, seguirá a ofrecer asesoramento á cidadanía en materia de Seguridade Social sobre cuestións como as prestacións de desemprego e resolverá dúbidas legais no eido xurídico-laboral respecto de asuntos relacionados coa contratación, a conflitividade laboral, o emprendemento, o réxime de traballadores autónomos ou as relacións laborais de estranxeiros. O servizo atenderá ademais todas as consultas socio-laborais que garden relación coa igualdade, a discriminación ou o acoso no lugar de traballo.

As consultas realizaranse de xeito presencial con carácter prioritario. As persoas interesadas poden acceder a este servizo nas sedes dos colexios ou no despacho do profesional ao que se designe o cometido. A través deste sistema garántese a máxima discreción e confidencialidade, encomendando o asesoramento aos profesionais máis próximos á persoa beneficiaria.

Na xuntanza de hoxe, a directora xeral anunciou que a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade quere promover o coñecemento deste recurso e distribuirá material informativo nas oficinas de emprego, nas dependencias dos servizos de mediación e arbitraxe (Smacs), da inspección de traballo, en concellos e nos propios colexios.

Mancha destacou que na realidade social e económica actual existen inquedanzas que incumben ás persoas traballadoras e ás relacións laborais, afectando tamén ás condicións nas que se desenvolve o traballo; por iso, a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade pretende dar resposta ás dúbidas que lles poidan xurdir a través desta oficina de orientación xurídica-laboral, que se estreou o pasado ano.

29 de agosto de 2022 | 13:48 • Sen comentarios

Comentarios pechados.