publicidade hoxe

A Xunta publica a orde de axudas a entidades sociais á que se destinan 7,2 M€

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada esquerda
A-
A+

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a orde de axudas a entidades sociais destinada a financiar a posta en marcha de programas e iniciativas de inclusión e á que se destinan 7,2 millóns de euros. O director xeral de Inclusión Social, Arturo Parrado, visitou esta mañá a entidade Padre Rubinos, na Coruña, unha das beneficiarias desta orde en anos anteriores.

Estas axudas garantirán o financiamento básico dos centros de inclusión e emerxencia social da nosa comunidade tales como albergues, comedores sociais, servizos de reparto de alimentos ou centros sociais de atención continuada. Todos estes programas, ademais, recibirán con esta nova orde de entidades ata un 40 % máis de financiamento por cada un dos seus usuarios que en convocatorias anteriores.

Por outra banda, a orde tamén achegará financiamento a programas de inclusión social e acceso ao mercado laboral para persoas en risco de exclusión. Entre eles inclúense tamén programas formativos e de asesoramento técnico en materia de estranxeiría.

Durante a súa intervención, Arturo Parrado sinalou que esta iniciativa do Goberno galego busca dar continuidade ao labor de inclusión que realizan as entidades sociais. Grazas a elas, asegurou, todos os galegos reciben os servizos sociais que precisan de acordo coas súas necesidades, ao tempo que a Xunta de Galicia dispón dun interlocutor indispensable para coñecer as inquedanzas das persoas que máis necesitan de axuda.

Colaboración con Padre Rubinos

Durante a súa visita, Arturo Parrado coñeceu os servizos que Padre Rubinos presta na cidade da Coruña co apoio da Xunta de Galicia. En concreto, o Goberno galego destina 660.000 € a esta entidade a través da orde de entidades 2020-2022 e do tramo autonómico das achegas do 0,7 % do IRPF.

Neste sentido, destacou que estes fondos, ademais de cubrir o funcionamento ordinario dos servizos, sosteñen tamén programas como o de inclusión laboral para persoas sen fogar, así como a renovación das instalacións do centro a través de diversas actuacións de mellora.

5 de agosto de 2022 | 14:14 • Sen comentarios

Comentarios pechados.