A Xunta garante o apoio permanente e especializado ás vítimas de violencia de xénero a través do servizo de quenda de garda social
A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade vén de asinar un novo convenio de colaboración co Colexio Oficial de Traballo Social de Galicia, por valor de 50.000 euros, para dar continuidade ao servizo de quenda de garda social especializada e permanente para mulleres, e os seus fillos e fillas menores, que sofren violencia de xénero. Este servizo permite que as vítimas reciban apoio profesional, atención integral e información sobre os seus dereitos, axudas e recursos, desde o momento da presentación da denuncia.
A través destas quendas de garda social dispénsase apoio permanente e especializado ás vítimas e os seus fillas e fillos menores e/ou maiores dependentes desde o mesmo momento no que presenten a denuncia contra os seus agresores.
Trátase dun servizo con carácter inmediato para situacións de urxencia, dispoñible as 24 horas do día, os 365 días do ano en todos os partidos xudiciais da Comunidade Galega. O servizo préstase a requirimento das forzas e corpos de seguridade do Estado e/ou por petición do xulgado.
A iniciativa, que se puxo en marcha en maio de 2019, no marco das actuacións desenvolvidas en Galicia no Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero, conta entre seus obxectivos: dar apoio integral ás vítimas en situación de crise; establecer intervencións individualizadas e coordinadas coas distintas institucións, que resolva de forma áxil situacións de crise ou necesidades de atención social especializada; divulgar os recursos ao dispor das vítimas, tales como itinerarios de axuda social, económica ou asistencial, entre outros; prestar soporte aos centros especializados involucrados nestas gardas; e ofrecer servizos de formación aos profesionais.
Con respecto á formación, as traballadoras e traballadores sociais deste servizo de quenda de garda social deberán cursar as actividades de formación continua que a este respecto se establezan. Con este fin, a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade e o Colexio Oficial de Traballo Social de Galicia elaborarán conxuntamente os programas formativos mínimos aos que se deberán axustar todos os cursos de especialización que se celebren.
A Xunta quere destacar o importante papel das traballadoras e traballadores sociais para loitar pola igualdade e a xustiza social, así como na atención ás vítimas de violencia de xénero.
A quenda de garda social súmase á quenda de garda psicolóxica activa a través doutro convenio co Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia.











