publicidade hoxe

A Xunta destina 3 M€ a 224 entidades beneficiarias do Plan Específico de acción comunitaria para a mellora dos seus locais, traídas de auga e adquisición de equipamento

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada esquerda
A-
A+

A Xunta vén de informar as entidades beneficiarias da resolución da convocatoria de axudas para este ano do Plan Específico de acción comunitaria destinado a asociacións de veciños, comunidades de usuarios de augas e mulleres rurais. No conxunto de Galicia, a Administración autonómica repartirá entre 224 entidades o orzamento de tres millóns de euros reservado para as axudas deste exercicio, o que supón un incremento do 20% respecto ao ano pasado.

As achegas do Goberno galego no marco desta orde supoñen un investimento de 216.637 euros na provincia da Coruña que se distribuirán entre 17 entidades; 157.487 euros a 12 asociacións de veciños; outros 45.782 a catro comunidades de usuarios de augas, e 13.367 euros a unha asociación de mulleres rurais.

Na provincia de Lugo, a achega ascende a 433.588 euros para 31 entidades. A meirande parte deles, 421.588, son para 30 asociacións de veciños e os 12.000 restantes para unha asociación de mulleres rurais. Pola súa banda, 37 entidades de Ourense reciben 532.281 euros, dos que 471.259 se destinan a 31 asociacións de veciños, 36.000 a tres comunidades de usuarios de augas, e 25.000 a tres colectivos de mulleres rurais.

Pontevedra é a provincia que concentra máis axudas, cun importe que suma 1,8 M€ para 139 entidades. Neste caso son as comunidades de usuarios de augas as que reciben a maior contía, 1,3 M€ que se distribúe entre 104 entidades. A maiores, 34 asociacións de veciños disporán de 489.147 euros e unha de mulleres rurais, de 8.892 euros.

As asociacións beneficiarias nesta orde poden realizar a través destas subvencións obras de rehabilitación e acondicionamento nos seus locais e adquirir novos equipamentos cos que levar a cabo as súas actividades e a prestación de servizos aos veciños. Ademais, poden mellorar o abastecemento e traída de auga dalgúns núcleos.

Mellora do benestar cidadá

A Xunta financia mediante as axudas deste plan actuacións que contribúan a satisfacer as necesidades e demandas da veciñanza e redunden na mellora do benestar dos cidadáns e da calidade de vida local. Desta forma, renova a súa aposta por fomentar o asociacionismo e a dinamización do movemento veciñal.

A contía deste ano, con máis de tres millóns de euros, é a máis elevada xunto coa de 2016, cando se iniciou esta liña de subvencións. Neste período o Goberno galego leva investido no plan específico de acción comunitaria 16 millóns de euros.

Para as entidades veciñais e as organización de mulleres rurais, o plan conta cunha liña de subvencións para obras de mellora dos inmobles da súa titularidade ou sobre os que teñan dereito de uso; e outra para a compra de equipamentos. Pola súa banda, as comunidades de usuarios de auga poden obter axudas a través deste programa para a execución de obras de reparación e mellora de traídas veciñais de auga.

3 de agosto de 2022 | 14:20 • Sen comentarios

Comentarios pechados.