publicidade hoxe

A Xunta creará oficinas específicas para atender os afectados polos incendios forestais do mes de xullo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada esquerdaProvincias
A-
A+

A Xunta de Galicia creará oficinas específicas para atender os afectados polos incendios forestais do pasado mes de xullo en Lugo e Ourense, segundo anunciou hoxe o vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, nunha xuntanza cos alcaldes dos concellos do Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR) Ribeira Sacra-Courel. O obxectivo é prestar asesoramento á hora de solicitar as axudas convocadas para reparar os danos causados polos lumes.

No encontro, ao que tamén asistiu a directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, participaron a alcaldesa de Folgoso do Courel, Lola Castro, os alcaldes de Bóveda, José Manuel Arias, e do Incio, Héctor Corujo, o concelleiro de Xuventude e Medio Ambiente de Quiroga, Luis Manuel Arias, e o xerente do GDR Ribeira Sacra-Courel, Martín Alemparte.

Diego Calvo sinalou que estes puntos de atención se habilitarán nas sedes dos grupos de desenvolvemento rural das zonas afectadas (Ribeira Sacra-Courel, Valdeorras, e Monteval) co gallo de servir de impulso da actividade económica tras os incendios orixinados os días 14 e 15 de xullo. Así, as persoas que sufrisen algún tipo de dano por mor destes lumes poderán acudir para que as axuden a tramitar as achegas de nove millóns de euros convocadas por distintos departamentos da Xunta.

Axudas aos concellos

A maiores, o vicepresidente segundo anunciou a sinatura de convenios específicos cos concellos para o financiamento dos gastos correntes municipais en bens ou servizos que requiran obras ou doutras actuacións para ser repostos conforme á situación anterior aos lumes. Trátase de reparar danos en edificios, terreos ou infraestruturas que fosen producidos polos incendios de xeito directo ou como consecuencia dos labores de control e extinción. Nesta liña, inclúense tamén os gastos realizados polos propios concellos na loita contra os lumes do pasado mes.

Diego Calvo referiuse ao custo pola contratación de empresas ou profesionais para traballos como limpeza, seguridade, auditorías, informes ou traballos técnicos; ao alugueiro de material de transporte; e ao mantemento e conservación de infraestruturas, edificios, locais, maquinaria ou diversos materiais precisos para os servizos públicos como alumeado, semáforos ou mobiliario urbano. Figuran tamén o gasto enerxético e de subministracións, entre outros.

As medidas anunciadas hoxe súmanse á batería de apoios aprobada polo Consello da Xunta o pasado xullo e que supón un investimento superior aos nove millóns de euros para darlle resposta á situación de emerxencia civil provocada polo episodio de lumes.

Segundo incidiu o vicepresidente segundo, trátase dunha resposta extraordinaria do Goberno galego que permitiu nun tempo récord publicar xa as primeiras convocatorias de axudas, destinadas á recuperación de vivendas e enxoval doméstico, dotada con 3,2 millóns de euros; ás empresas, con ata 600.000 euros por beneficiario; e ás explotacións forestais, agrícolas e gandeiras, cun orzamento de catro millóns de euros. Ademais está prevista unha orde para a recuperación de infraestruturas en espazos protexidos, que suporá un investimento de 550.000 euros, e unha achega de 300.000 euros en axudas para compensar os titulares de terreos cinexeticamente protexidos (tecores).

Xuntanza en Valdeorras

A información das novas medidas tamén lles será trasladada hoxe aos alcaldes dos concellos ourensáns do Barco de Valdeorras, Carballeda de Valdeorras e Rubiá, nunha xuntanza que terá lugar esta tarde e na que participará xunto ao vicepresidente segundo a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez.

2 de agosto de 2022 | 14:10 • Sen comentarios
Deixa o teu comentario