publicidade hoxe

A Xunta completa o proceso de adquisición de 34 novos equipos TAC para os hospitais públicos galegos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada esquerda
A-
A+

A Xunta de Galicia publicou as resolucións de adxudicación dos distintos procesos de contratación cos que adquiriu un total de 34 novos equipos de tomografía axial computerizada (TAC), para a totalidade dos hospitais da rede sanitaria pública galega.

Estas contratacións supuxeron un investimento de 21,1 millóns de euros para os que a Xunta canalizou fondos Next Generation da Unión Europea, achegando ademais fondos propios da administración autonómica para poder adquirir equipos de gamas superiores aos financiados polos fondos europeos como sete TACs de tecnoloxía espectral, un para cada unha das sete áreas sanitarias, que melloran a capacidade diagnóstica e diminúen as doses de radiación.

Os contratos incluíron tamén a adquisición de cinco TACs de planificación, destinados aos servizos de radioterapia dos hospitais de Santiago de Compostela, Lugo, Ourense, Pontevedra e Vigo.

Todos estes equipos están destinados a renovar equipamento xa dispoñible nos hospitais galegos pero que xa contaba cunha antigüidade superior aos 10 anos, coa excepción do TAC de planificación de Pontevedra, que suporá unha ampliación de equipamento xa que se incorporará ao novo Servizo de Radioterapia que nacerá na área coa posta en marcha do Gran Montecelo.

Os distintos contratos fixan un prazos de entre 5 e 12 meses para a entrega deste equipamento, polo que a súa instalación efectuarase ao longo deste ano e do vindeiro. En particular, 17 dos equipos serán instalados no ano 2022 mentres que outros 9 se incorporarán ao longo do ano 2023.

Fondos europeos para renovación de tecnoloxía sanitaria

Estes investimentos entran dentro dos que está a tramitar a Xunta este ano, por valor de máis de 60 millóns de euros destinados a canalizar os fondos Next Generation da Unión Europea para a renovación de equipamento sanitario.

Polo momento, o Sergas xa adxudicou os contratos de catro aceleradores lineais por 8,9 millóns de euros, de nove resonancias magnéticas por 10,5 millóns de euros e de tres equipos PET-TC por 5,4 millóns.

Ademais deles, o Consello da Xunta xa autorizou este ano outras licitacións derivadas deste uso dos fondos Next Generation para a renovación e ampliación do equipamento de alta tecnoloxía sanitaria aínda pendentes de resolver, como a adquisición de sete equipos de cardioloxía intervencionista por 5,9 millóns de euros e de catro equipos de radioloxía vascular intervencionista e catro equipos de neurovascular intervencionista por 8,4 millóns de euros.

Cómpre remarcar que Galicia está a renovar o 100% dos equipos que teñen unha antigüidade superior aos 12 anos e, no caso dos aceleradores lineais e dos TAC, vaise facer aos 10 anos. Así mesmo, estase a dotar ao Sergas de aparataxe adicional que permita elevar como mínimo un 15% a taxa media de densidade de equipos de alta tecnoloxía por 100.000 habitantes, mellorando a equidade no acceso en todo o territorio de Galicia, e achegando o servizo aos pacientes.

Estes dous obxectivos, redundarán en aumentar as capacidades diagnósticas dos centros do Sergas mediante a mellora das características técnicas que presentan os novos equipos.

12 de agosto de 2022 | 13:46 • Sen comentarios

Comentarios pechados.