publicidade hoxe

A Xunta colabora coas tres universidades galegas para o desenvolvemento dunha nova edición do máster en Xestión e Dirección Laboral

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada esquerdaProvincias
A-
A+

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, vén de asinar un convenio de colaboración cos reitores das tres universidades galegas para apoiar a realización do máster interuniversitario en Xestión e Dirección Laboral. Lorenzana explicaba que para o Goberno galego este é un sector clave para o desenvolvemento económico e social de Galicia polo que achegará 15.000€ para impulsar a formación de profesionais neste ámbito.

O máster, que acaba de cumprir 15 anos, ten unha alta demanda entre o alumnado actual universitario, sexan ou non graduados en Relacións Laborais e Recursos Humanos, como demostra o feito de que cada ano se cubran as 30 prazas ofertadas.

A Universidade de Santiago de Compostela é a responsable de coordinar este título e acoller os estudos que se imparten durante o primeiro cuadrimestre, ofrecendo un programa que, segundo destacaba a titular de Promoción do Emprego e Igualdade, “ten un carácter interdisciplinar e versátil” co obxectivo de dar cabida aos alumnos e alumnas procedentes de diferentes titulacións e incrementar a súa formación no ámbito xurídico-laboral.

Mentres, no segundo cuadrimestre, o alumnado ten á súa disposición tres especializacións posibles, unha por cada universidade galega. Deste xeito, a Universidade da Coruña (UDC) encárgase do contido formativo en “Recursos Humanos”, a Universidade de Santiago de Compostela (USC) oferta a especialidade de “Xestión socio laboral”, e a Universidade de Vigo (UVigo) ofrece a formación en “Dirección laboral de empresas”.

Ademais, rematados os contidos teóricos, os matriculados deberán elaborar o traballo fin de máster e desfrutarán de prácticas externas en empresas para materializar os seus coñecementos e habilidades antes de comezar o seu contacto co mercado laboral neste ámbito.

8 de agosto de 2022 | 13:00 • Sen comentarios

Comentarios pechados.