publicidade hoxe

A Xunta abre o prazo para solicitar as axudas de ata 700 € para a adquisición de bicicletas eléctricas, con xa 92 establecementos adheridos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada dereita
A-
A+

A Xunta abriu hoxe o prazo para solicitar as axudas de ata 700 euros para a adquisición de bicicletas eléctricas, con xa 92 establecementos adheridos.

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, xunto co director xeral de Mobilidade, Ignacio Maestro, achegouse este mediodía a un establecemento comercial de venda de bicicletas para presentar esta iniciativa pioneira da Xunta.

As persoas que queiran mercar unha bicicleta eléctrica poden presentar desde hoxe e ata o 15 de novembro a súa solicitude para acceder ás axudas autonómicas a través dun establecemento adherido previamente ao programa, que será o encargado de tramitar a petición ante a administración.

Nesta primeira convocatoria, á que a Xunta ten intención de darlle continuidade nos vindeiros anos, destinaranse un total de 500.000 euros para financiar a adquisición de bicicletas eléctricas.

Vázquez Mourelle detallou que con carácter xeral, a achega autonómica será de ata o 50% do prezo da bicicleta eléctrica, cun máximo de 500 €. Precisou que as familias numerosas terán máis vantaxes, pois os incentivos cubrirán o 60%, cunha achega tope de 600 €; e, de ser familia numerosa con categoría especial, os incentivos elevaranse ata un máximo de 700 €, cubrindo ata un 70% do custo.

Sinalou que o obxectivo é diminuír o uso do coche particular, favorecer modos de transporte non motorizados, reducir emisións á atmosfera, diminuír a contaminación acústica e promover unha vida máis saudable.

Remarcou que hoxe bota a andar de forma efectiva o programa Ebici da Xunta, para a promoción da mobilidade sostible, coa apertura do prazo para solicitar os incentivos para a compra de bicicletas con pedaleo asistido.

Mobilidade sostible

Lembrou que o Goberno galego, a través dos fondos Next Generation, está a impulsar proxectos de mobilidade sostible nas principais cidades galegas. Así, en Santiago vaise habilitar unha senda entre O Milladoiro e San Caetano, cun investimento de 12 millóns de euros.

Trátase dun eixe de mobilidade sustentable de máis de 10 km, que comprende 3 treitos, conectando O Milladoiro, o hospital universitario, a estación intermodal e o complexo administrativo de San Caetano.

A conselleira apuntou que se mantiveron reunións técnicas cos concellos e con usuarios e se está traballando nos 3 proxectos de trazado para sacalos a información pública este outono co obxectivo de licitar as obras na primavera.

Esta actuación “transformadora” dotará aos veciños de Compostela e da súa contorna dunha auténtica estrada para peóns e para ciclistas, unha conexión peonil e ciclista entre os municipios de Ames e de Santiago, en liña coas demandas da asociación Composcleta.

A intervención enmárcase na aposta da Xunta por unha mobilidade máis sostible e saudable. Nos últimos anos o Goberno galego executou 200 km de sendas en toda Galicia, cun investimento de 50 millóns de euros.

Ademais a Xunta renovou e modernizou o transporte público, poñendo á disposición dos galegos 3.400 liñas de autobús interurbano e medidas pioneiras como a tarxeta Xente Nova, coa que 116.000 menores de 21 anos viaxan xa de balde nos autobuses.

O Executivo autonómico tamén impulsou novas infraestruturas, como a estación de autobuses intermodal de Santiago, para facilitar o intercambio entre o autobús e o tren.

1 de agosto de 2022 | 15:05 • Sen comentarios
Deixa o teu comentario