publicidade hoxe

A Lei do ciclo integral da auga entrará en vigor o 1 de setembro co obxectivo de apoiar os concellos na xestión do abastecemento e a depuración

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada esquerdaProvincias
A-
A+

A nova Lei do ciclo integral da auga entrará o vindeiro 1 de setembro en vigor, tras a súa publicación hoxe no Diario Oficial de Galicia. Trátase dunha lei que a Xunta impulsa para apoiar aos concellos na xestión do abastecemento e a depuración, mellorando a calidade dos servizos aos cidadadáns e reforzando o coidado das rías e dos ríos.

O carácter transformador desta Lei permite a súa configuración como ferramenta de axuda aos concellos para unha xestión dos servizos urbanos da auga, de competencia directa das entidades locais.

A nova norma, a que os concellos poderán adherirse de forma voluntaria, fomenta unha xestión profesional dos servizos urbanos da auga. Así, naqueles municipios que así o soliciten, Augas de Galicia encargarase da explotación das infraestruturas hidráulicas, como xa está a facer nos 28 concellos nos que actualmente está a xestionar as súas depuradoras.

A nova lei contribuirá a evitar a chegada de augas brancas ás depuradoras, que estas funcionen mal ou que haxa fugas nas redes municipais que nalgúns concellos acadan o 80%.

A normativa tamén supón aplicar unhas tarifas transparentes e homoxéneas en toda Galicia, que respectan a autonomía municipal e non supón incremento de tarifas nin imposición de ningún tipo.

Ademais, con esta nova norma porase á disposición dos concellos que queiran xestionar os seus sistemas novas ferramentas: un programa de formación periódica e directrices que lle sirvan de guía, para que poidan acadar unha xestión eficiente.

Deste xeito, establécese un marco normativo para blindar a calidade nos servizos, a eficiencia na explotación das infraestruturas hidráulicas e a viabilidade económica dos sistemas, marcando un antes e un despois na calidade dos servizos da auga aos cidadáns e no coidado das rías e dos ríos.

O novo modelo

A Xunta define, con esta lei, un novo modelo para axudar aos concellos que así o soliciten ante as dificultades contrastadas, técnicas e económicas, que teñen moitos municipios para prestar axeitadamente e con eficacia estes servizos municipais, que inciden na calidade das aguas, no medio natural, na saúde das persoas e en actividades económicas como a pesca, o marsiqueo a acuicultura ou o turismo.

O novo marco regulatorio dá un paso máis no camiño da correcta xestión do ciclo integral da auga, apostando pola integración de servizos e pola xestión profesionalizada e especializada das infraestruturas e servizos asociados, partindo do coñecemento minucioso dos sistemas e da ordenación completa das súas instalacións.

Ademais, aposta pola xestión agrupada das infraestruturas e a aplicación de economías de escala, que implica menores custos derivados da optimización de materiais, equipos e persoal, permitindo aforros do 10%.

Con esta Lei Galicia opta polo instrumento máis eficaz e útil, que tende a man aos concellos e procura unha xestión profesional e de calidade dun servizo tan básico como é a auga, un ben público cada vez máis escaso, pero imprescindible para a vida.

Cómpre lembrar que nos últimos anos, a Xunta leva mobilizado 1.100 millóns de euros en actuacións de saneamento e abastecemento, coas que o 90% das aglomeracións urbanas cumpren a directiva europea sobre depuración; o 79% das masas de auga das rías se atopan en bo estado; e os puntos de vertido clasificados como contaminantes pasaron do 40 ao 15%.

12 de agosto de 2022 | 13:41 • Sen comentarios

Comentarios pechados.