publicidade hoxe

Rueda anuncia unha nova convocatoria de prazas en propiedade para médicos de atención primaria en lugares de difícil cobertura

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada esquerda
A-
A+
Intervención do presidente galego no Pleno do Parlamento

Intervención do presidente galego no Pleno do Parlamento

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou hoxe que o Goberno galego volverá realizar o ano que vén unha convocatoria de prazas en propiedade para médicos de Atención Primaria que queiran ir aos centros “onde son máis necesarios” pola “difícil cobertura” destes postos e que estenderá esta iniciativa ás prazas de especialistas nos hospitais comarcais e ás de saúde mental.

Así o comunicou na súa intervención no Pleno do Parlamento de Galicia, na que puxo en valor que se fará a través de concurso de méritos, sen necesidade de acudir a unha oposición. “Son prazas para toda a vida. Que máis estabilidade laboral pode haber que esa?”, argumentou Rueda, en relación ao compromiso do Goberno galego coa calidade de emprego dos profesionais da sanidade pública galega.

Precisamente, lembrou o “ben valorada” que foi a convocatoria deste ano de 106 prazas de especialistas de Atención Primaria para as zonas nas que está sendo máis complicado cubrir estes postos. Ao respecto, informou de que se inscribiron nela ao redor de 350 profesionais, o que supón triplicar as prazas que se ofrecían.

En canto á convocatoria do ano que vén, o máximo mandatario galego precisou que a Xunta vai ampliar tamén esta iniciativa pioneira máis aló da Atención Primaria, estendéndoa tamén ás especialidades máis difíciles de cubrir nos hospitais comarcais e á área de saúde mental.

Deste xeito, garántase que especialistas coma traumatólogos, radiólogos ou internistas que queiran traballar nun hospital comarcal ou os especialistas en saúde mental que opten a cubrir as novas prazas creadas a través do Plan de Saúde Mental de Galicia poidan facelo de xeito automático, computando unicamente os seus méritos.

Rueda puxo en valor as medidas adoptadas pola Xunta ante a situación de déficit de especialistas que está a vivir toda España, como os recoñecementos salariais para os profesionais que están cubrindo a baixa dun compañeiro, prolongando a súa xornada par atender máis pacientes ou prestando Atención Primaria en zonas de máis difícil acceso, que foron acordados de xeito unánime coas organizacións sindicais na Mesa Sectorial de Sanidade e que este mesmo mes se aprobarán definitivamente no Consello da Xunta.

Ao tempo, lembrou a necesidade de que o Goberno de España tome as decisións sanitarias que son da súa competencia como a reforma do sistema MIR de formación sanitaria especializada para conseguir ampliar as prazas formativas de medicina de familia ou crear a especialidade de medicina de urxencias, unhas reclamacións da Xunta de Galicia ás que, lembrou, se teñen sumado varios gobernos autonómicos.

7,2 M€ a ONG de loita contra a pobreza

O presidente da Xunta tamén fixo outros anuncios en materia de política social, nas que salientou que o goberno segue arbitrando medidas para atender aos colectivos máis desfavorecidos. Así, avanzou que mañá mesmo o Consello da Xunta dará luz verde a dúas iniciativas para atender os galegos e galegas máis vulnerables.

En concreto, adiantou que a primeira delas será unha nova orde de axudas de 7,2 millóns de euros, destinadas ás ONG de loita contra a pobreza. “Non nos importa que non lles quede claro de quen proveñen, o que nos importa é que lle chegue”, subliñou.

Rueda debullou que, con esta nova orde de axudas, incrementaranse ata un 40% as achegas para comedores sociais, albergues e centros de acollida. Ademais, informou de que se impulsarán novos programas para favorecer o acceso ao mercado laboral das persoas que aínda están fóra del e actuacións de inclusión da poboación inmigrante.

240 euros ao ano para internet

A segunda iniciativa para axudar os colectivos en situación máis desfavorecida dos que deu conta o titular do Executivo galego foi o bono de 240 euros ao ano para que as familias de ingresos moi baixos sen conexión á internet poidan contratar este servizos “que, a día de hoxe, é fundamental, tanto para a vida cotiá, como para o acceso ao mundo laboral”, argumentou.

“Non podemos esquecer que a mellor política social que existe par axudar a colectivos desfavorecidos é que haxa pleno emprego”, engadiu Rueda, quen acabou a súa intervención no pleno do Parlamento de Galicia asegurando que, nestes momentos de “incertezas” o que necesita Galicia é “estabilidade, responsabilidade, diálogo e solvencia”, como o que se están ofrecer desde o Goberno galego.

13 de xullo de 2022 | 15:01 • Sen comentarios

Comentarios pechados.