publicidade hoxe

Román Rodríguez avanza un investimento de preto de 800.000€ na mellora dos dous colexios de Forcarei

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaForcareiLocal PortadaPortada dereita
A-
A+

A Xunta de Galicia vai investir preto de 800.000€ en obras de mellora dos dous colexios públicos de Forcarei, o CEIP Nosa Señora das Dores e o CEIP de Soutelo de Montes. Así o anunciou esta mañá o conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, nunha visita ao primeiro deles acompañado do delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López. O titular de Educación avanzou que o seu departamento vén de licitar estas dúas intervencións que suporán “un salto de calidade” no que atinxe ás infraestruturas educativas deste concello.

Segundo o proxecto da Consellería, a actuación no colexio Nosa Señora das Dores acada un investimento de case 491.000€ e abrangue a colocación de illamento térmico no exterior do edificio, a substitución das carpinterías exteriores de aulas de Educación Infantil e a instalación de persianas e unha intervención sobre os canlóns de baixantes.

Ao igual que no Nosa Señora das Dores, no caso do colexio de Soutelo de Montes -cun orzamento de 301.000€- tamén se acometerán melloras na fachada coa colocación de illamento térmico e a substitución das carpinterías. Así mesmo, neste centro procederase á reparación da cuberta e dos canlóns de baixantes.

Inicio das obras no último trimestre do ano

Segundo explicou o conselleiro, unha vez concluídos os trámites de licitación e adxudicación, a previsión é comezar as obras no último trimestre do ano e que estean concluídas en 2023. En todo caso, Román Rodríguez explicou que as obras son compatible coa actividade lectiva, polo que non van interferir no desenvolvemento das clases.

Todas as actuacións levaranse a cabo seguindo as directrices marcadas no Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica de Galicia que, segundo lembrou o conselleiro, é a folla de ruta do Goberno galego para acadar infraestruturas educativas “máis sostibles, máis confortables e máis innovadoras”.

15 de xullo de 2022 | 12:53 • Sen comentarios

Comentarios pechados.