O Xacobeo 2021-2022 estará presente no cupón da ONCE do 25 de xullo
A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, participou esta mañá xunto ao Delegado Territorial da ONCE en Galicia, Manuel Martínez Pan, e o director da Axencia da ONCE en Santiago de Compostela, José Antonio Rivero Canosa, na presentación do cupón da ONCE do 25 de xullo que lembra a celebración do Xacobeo 2021-2022.
Durante a súa intervención, a directora de Turismo de Galicia puxo en valor a importancia deste tipo de accións mediante as cales dáselle visibilidade á tradición Xacobea, ao Camiño e tamén á súa meta en Santiago de Compostela; subliñando a transcendencia da data escollida para a emisión deste cupón.
Nesta liña, Nava Castro destacou o traballo realizado desde o Goberno galego para que as persoas con diferentes capacidades poidan gozar do Camiño “levamos anos traballando para que sexa un lugar accesible para todos os públicos” manifestou a directora de Turismo de Galicia, e como exemplo, referiuse á publicación da Guía do Camiño de Santiago Accesible, mediante a cal se poñen en valor todos aqueles recursos accesibles cos que contan os diferentes camiños.
Na súa intervención, Nava Castro agradeceulle tamén á ONCE esta iniciativa que supón a difusión masiva da imaxe do Obradoiro e a Catedral de Santiago, así como a marca Xacobeo 2021-2022 dentro do territorio español.
A ONCE, naceu hai 82 anos da iniciativa dun grupo de cegos españois que, desde os primeiros anos do século XX, traballaron para poder aspirar á máxima da igualdade a través dun modo de vida digno, a venda de produtos de loterías.
Actualmente, o Grupo Social ONCE constitúe o maior xerador de servizos sociais para persoas cegas e de emprego para persoas con discapacidade no mundo e o cuarto maior empregador non público para persoas con e sen discapacidade en España.