publicidade hoxe

O Sergas publica o modelo definitivo de respostas e as puntuacións provisionais da fase de oposición para o ingreso en diversas categorías de persoal estatutario

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada esquerda
A-
A+

O Diario Oficial de Galicia publica, na súa edición de hoxe, o modelo definitivo de respostas dos distintos exercicios e as puntuacións provisionais da fase de oposición do proceso selectivo para o ingreso en 24 categorías de persoal estatutario: calefactor, cociñeiro, condutor, costureiro, electricista, fontaneiro, mecánico, lavandeiro, logopeda, pasador de ferro, persoal informático, pinche (inclúe quenda discapacidade intelectual), técnico de farmacia (quenda de discapacidade intelectual), telefonista, terapeuta ocupacional, traballador social e facultativo especialista de área das especialidades de cirurxía oral e maxilofacial, cirurxía pediátrica, cirurxía plástica, estética e reparadora, inmunoloxía e oncoloxía radioterápica.

Ofértanse un total de 680 prazas na totalidade destes procesos selectivos, das cales 239 corresponden á categoría de pinche (quendas libre, promoción interna e discapacidade xeral). Superaron a fase de oposición do proceso 4.804 persoas aspirantes.

O modelo definitivo de respostas, con indicación das preguntas anuladas e o seu motivo de anulación así como as puntuacións provisionais obtidas polos aspirantes presentados aos distintos exercicios da fase de oposición atópanse publicadas, á disposición das persoas interesadas, na páxina web do Servizo Galego de Saúde (www.sergas.es).

As resolucións abren un prazo de cinco días hábiles contados a partir do día seguinte á publicación, para que as persoas interesadas poidan presentar reclamación ante o respectivo tribunal de selección, unicamente de existiren erros na confección aritmética da puntuación obtida.

As reclamacións deberán presentarse nun rexistro administrativo ou a través de calquera dos procedementos previstos no artigo 16 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e deberán dirixirse á sede do tribunal para os efectos de comunicacións, situada na Dirección Xeral de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde, Edificio Administrativo San Lázaro, s/n, 15703 Santiago de Compostela.

Habilitouse un enderezo de correo electrónico no que os aspirantes poderán dirixir as súas dúbidas ou consultas: oposiciones@sergas.es. Estas consultas non terán a consideración de reclamacións.

Próximas actuacións

Rematados os prazos de reclamación previstos en cada unha das resolucións publicaranse no Diario Oficial de Galicia as puntuacións definitivas dos distintos exercicios e o acordo de finalización da fase de oposición.

14 de xullo de 2022 | 11:52 • Sen comentarios

Comentarios pechados.