publicidade hoxe

O protocolo de colaboración en materia de política lingüística reúnese en Santiago

Reunión da comisión de seguemento

Reunión da comisión de seguemento

A Comisión de Seguemento do Protocolo de colaboración en materia de política lingüística no que participan Galicia, Euskadi, Cataluña, Illas Baleares, Navarra e a Generalitat Valenciana celebraron no Pazo de San Roque de Santiago de Compostela a súa reunión ordinaria anual. Nela abordaron distintos temas de interese para as políticas lingüísticas das súas respectivas comunidades, así como accións conxuntas de promoción das súas linguas propias.

Ao encontro asistiron Valentín García, secretario xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia; Miren Dobaran, viceconselleira de Política Lingüística do Goberno vasco; Francesc Xavier Vila, secretario de Política Lingüística da Generalitat de Cataluña; Beatriu Defior, directora xeral de Política Lingüística do Goberno das Illas Baleares; Mikel Arregi, director-xerente de Euskarabidea/Instituto Navarro do Euskera, e Marc Jiménez, subdirector xeral de Política Lingüística e Xestión do Multilingüismo da Generalitat Valenciana. No marco da reunión, tamén mantiveron un encontro con Manuel González Bedia, director da Oficina do Comisionado Especial para a Alianza pola Nova Economía da Lingua do Goberno central.

No encontro, o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García destacou “a importancia da coordinación e do compromiso dos gobernos en materia de política lingüística, así como de seguir traballando a favor dunha política lingüística resolta e eficaz, construída sobre o acordo”.

Ademais, os participantes fixeron fincapé nas accións que se poñerán en marcha desde o protocolo para impulsar a dobraxe e o subtitulado fundamentalmente en produtos audiovisuais dirixidos a un público infantil nestas linguas oficiais. Tamén se incidiu na promoción das linguas no ámbito socioeconómico asociado a entidades financeiras (utilización de tarxetas contactless, plataformas virtuais de pago, Redsys…), entre outros aspectos.

Concreción da promoción das linguas en PERTE ‘Nova Economía da Lingua’

No encontro mantido con Manuel González Bedia, director da Oficina do Comisionado Especial para a Alianza pola Nova Economía da Lingua do Goberno central, sobre o Proxecto Estratéxico para a Recuperación e Transformación Económica (PERTE) da Nova Economía da Lingua, os seis representantes autonómicos insistiron na necesidade dunha maior presenza e concreción das accións de promoción destas linguas oficiais. Neste sentido, o Protocolo insistiu ao Goberno central na importancia de axilizar, poñer en disposición e optimizar estes recursos na visibilización e a promoción da realidade plurilingüe do Estado.

Liñas de traballo para 2023

Seguidamente, dunha maneira conxunta, analizouse o proceso de elaboración do próximo informe do Parlamento Europeo sobre a política lingüística da Unión Europea para as linguas rexionais ou minoritarias; o Consello e Oficina de Linguas Oficiais, a Carta Europea das Linguas Minoritarias ou Rexionais (CELRM); a coedición de libros nestas linguas oficiais e a tradución de comunicacións das institucións europeas. Por último, o plan de traballo para este ano 2022 e o establecemento da data para a próxima reunión, así como a próxima concesión do Premio á Promoción da Realidade Plurilingüe do Estado.

Protocolo de colaboración

A Xunta de Galicia, o Goberno vasco e a Generalitat de Cataluña asinaron en 2007 o Protocolo xeral de colaboración en materia de política lingüística, ao que posteriormente se adheriron o Goberno das Illas Baleares e, en 2017, a Generalitat Valenciana e o Gobierno de Navarra. Constitúe o primeiro marco de colaboración de todas as comunidades autónomas con lingua propia que teñen status de oficialidade nos termos establecidos nos correspondentes estatutos de autonomía.

26 de xullo de 2022 | 14:45 • Sen comentarios

Comentarios pechados.