publicidade hoxe

O goberno galego destinará máis de 50 M€ á implantación da gratuidade nas escolas infantís de 0 a 3 anos de Galicia

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaLocal PortadaPortada esquerdaProvincias
A-
A+

A Xunta destinará no ano 2023 máis de 50 M€ ao programa de gratuidade en todas as escolas infantís de Galicia para que as familias accedan a máis de 30.000 prazas de 0 a 3 anos sen pagar un euro pola atención educativa dos seus fillos, vaian a un centro da rede pública autonómica, a un de iniciativa social a un privado ou a un municipal. O director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Jacobo Rey, compareceu hoxe en Comisión 5ª de Sanidade, Política Social e Emprego para explicar a implantación desta medida nas escolas infantís que dependen dos Concellos.

Jacobo Rey explicou que o Executivo autonómico vai asumir a contía correspondente á atención educativa que ata agora pagaban as familias por acudir a unha escola infantil de titularidade municipal. Este financiamento farase a través dunha orde de subvencións en concorrencia non competitiva, polo que todos os Concellos que cumpran os requisitos terán garantida a achega económica. Así mesmo, apuntou que con este mecanismo de financiamento se poderán facer anticipos, o que garante a liquidez ás Corporacións locais; e que será por cursos, para unha mellor na planificación da xestión dos centros.

O director xeral explicou que o pasado mes de marzo xa se lle avanzou á Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) o sistema de financiamento para as escolas infantís municipais, e que, posteriormente, se lles mandou aos Concellos un documento con algunhas das dúbidas respecto da gratuidade que foron trasladando á Xunta. Está previsto que a orde de axudas saia publicada no Diario Oficial de Galicia (DOG) nos vindeiros días, toda vez que xa ten o visto e prace do Consello da Xunta.

Equipos técnicos do menor

Por outra banda, Jacobo Rey tamén expuxo en Comisión 5ª as medidas que está a tomar a Xunta para seguir mellorando o sistema de protección de nenas, nenos e adolescentes de Galicia. Entre outras, referiuse ao reforzo de persoal no servizo de menores en Vigo ou á posta en marcha do programa ‘Valora’, que é un novo instrumento para facilitar o traballo de valoración de situacións de risco que fan os profesionais dos servizos sociais especializados na protección.

Así mesmo, Jacobo Rey salientou o incremento de recursos neste ámbito financiados polo Goberno galego, como o programa ‘Mentor’, dotado con máis de 1,6 M€ para facilitar o tránsito á vida independente de menores tutelados ou extutelados; o programa de integración familiar; ao que se destinan cada ano 655.000 euros para que os menores poidan seguir na súa contorna familiar e social ou para facilitar a súa reintegración nos casos nos que se tivese producido a separación; ou o programa de acollemento en familia allea, desenvolvido por Cruz Vermella e cun importe para 2022 de máis de 460.000 euros.

15 de xullo de 2022 | 14:48 • Sen comentarios

Comentarios pechados.