O Carballiño acolle este sábado a 42ª ‘Xuntanza de maiores’
A Xunta celebrará o vindeiro sábado, 16 de xullo, no Carballiño a 42ª edición da Xuntanza de maiores, na que se estima que se darán cita entre 1500 e 2000 persoas procedentes de toda Galicia. O director xeral de Maiores e Atención Sociosanitaria, Antón Acevedo, presentou hoxe este tradicional evento co que se pretende poñer en valor o envellecemento activo e impulsar a oferta de ocio e lecer das persoas de máis idade.
A xuntanza terá lugar no Parque Municipal do Carballiño e os asistentes desfrutarán dunha xornada gratuíta de convivencia e de festa. Comezará ás 10:30 horas coa chegada dos participantes e a xornada de mañá estará amenizada con xogos, coreografías, música e entrega de agasallos tanto a centros como a asociacións de referencia.
Ao mediodía terán lugar o tradicional xantar, que será amenizado cunha actuación musical. Despois da comida retomaranse as actividades e o tempo de lecer, e culminarase o encontro con concertos a cargo da Orquestra Principal e Pili Pampín. O evento, que se retoma despois de dous anos sen celebrarse, poñerá o peche ás 19:30 horas tras unha xornada completa de música, gastronomía e boa compañía.
A Xunta estará pendente da evolución da situación meteorolóxica para decidir se finalmente se celebra a 42ª edición da Xuntanza de maiores ou, se as elevadas temperaturas así o aconsellan, aprázase para outra data. O director xeral de Maiores e Atención Sociosanitaria, Antón Acevedo, sinalou hoxe que “o máis importante é a saúde e a seguridade das persoas que desexen participar neste encontro, polo que de continuar coas ondas de calor destes días o máis prudente é pospoñelo”.
No caso de que as altas temperaturas e as recomendacións sanitarias motiven finalmente a cancelación do festexo, avisarase con suficiente antelación ás persoas que xa se teñen anotado ao mesmo e farase un comunicado público.