Medio Rural informa da situación dos lumes forestais
A Consellería do Medio Rural informa da situación dos incendios forestais con datos recollidos ata as 08,00 h. de hoxe.
Melón-Quins
O lume rexistrado no concello de Melón, parroquia de Quins, orixinouse ás 22,30 h. da noite do luns e permanece activo arestora. Segundo as últimas estimacións, afecta unha superficie provisional dunhas 20 hectáreas. No seu control participan 5 axentes, 10 brigadas, 9 motobombas e 1 helicóptero.
Ribadavia-Ribadavia
O incendio rexistrado no concello de Ribadavia, parroquia homónima, comezou ás 22,11 h. da noite do luns e permanece activo arestora. Segundo as últimas estimacións, afecta unha superficie de 35 hectáreas. Ademais, xa está restablecido o tráfico na estrada N-120 Vigo-Logroño, que fora cortado de forma preventiva para facilitarlle o traballo aos medios de extinción. No control deste lume levan traballado 1 técnico, 12 axentes, 32 brigadas, 21 motobombas, 3 pas, 1 unidade técnica de apoio, 6 helicópteros e 5 avións.
Palas de Rei-Cuíña
O lume iniciado ás 21,06 h. de onte no concello de Palas de Rei, parroquia de Cuíña, xa está controlado desde as 2,21 h. desta madrugada. Este incendio comezou en tres focos, o que todo indica a que foi intencionado. Segundo as últimas estimacións afecta unha superficie de 22 hectáreas. No seu control participan 1 técnico, 5 axentes, 12 brigadas, 7 motobombas, 2 pas e 1 helicóptero.
A Consellería do Medio Rural lembra que está a disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085, ao que deben chamar en caso de detectar algún lume forestal. Ademais, existe un teléfono anónimo e gratuíto para denunciar calquera actividade delituosa incendiaria da que se teña sospeita ou coñecemento: 900 815 085. Así mesmo, toda a información actualizada sobre incendios forestais poderá ser consultada na conta aberta de twitter: @incendios085.