publicidade hoxe

Gardacostas requisa case 2.500 cacharros e preto de 1.000 quilos de polbo en distintos operativos no litoral da provincia de Pontevedra

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaLocal PortadaPontevedraPontevedraPortada dereita
A-
A+
Material requisado

Material requisado

Axentes do Servizo de Gardacostas de Galicia, dependente da Consellería do Mar, requisaron nos últimos días preto de 2.500 cacharros de polbo que contiñan máis de 950 quilos deste cefalópodo no curso de distintos operativos de rastrexo e incautación de artes ilegais no litoral da provincia de Pontevedra.

Os resultados destas actuacións súmanse aos obtidos noutro dispositivo desenvolvido o pasado 25 de xuño, no que os gardacostas se incautaron de 1.950 cacharros que contiñan 166 quilos de polbo. Deste xeito, o organismo dependente da Xunta retirou do mar en menos de dúas semanas preto de 4.500 aparellos irregulares deste tipo e comisou máis de 1.200 quilos de polbo que se atopaban no seu interior.

Estes operativos enmárcanse na planificación dos controis que realiza diariamente o Servizo de Gardacostas de Galicia para evitar a extracción e comercialización ilegal de produtos pesqueiros e marisqueiros. Neste caso intensificouse a presión inspectora xusto antes do inicio da campaña de extracción deste cefalópodo, que arrincou o pasado luns e se estenderá ata que comece a veda do vindeiro ano 2023.

Chamamento á cidadanía

A Consellería do Mar volve facer un chamamento á cidadanía para que merque só produtos procedentes das canles legais, os únicos que contan con todas as garantías para o seu consumo, e lembra o dano que a actividade irregular fai aos profesionais do sector dada a importancia socioeconómica que as actividades pesqueira e marisqueira teñen na comunidade.

6 de xullo de 2022 | 12:41 • Sen comentarios

Comentarios pechados.