publicidade hoxe

Galicia esixe ao Goberno de España a adopción de medidas urxentes para resolver o desabastecemento de especialistas de medicina de familia

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada esquerda
A-
A+

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, participou esta tarde na Conferencia do Ciclo de Conselleiros da Saúde da Sociedade Española de Directivos da Saúde (SEDISA), un encontro no que voltou a esixir ao Goberno de España a adopción de medidas urxentes para a resolver o desabastecemento de facultativos que sofre o Sistema Nacional de Saúde.

Durante a súa intervención, o responsable da carteira sanitaria da Xunta lanzou novamente unha mensaxe de emerxencia ao Ministerio de Sanidade, remarcando que “a falla de médicos é o problema máis urxente que ten neste intres a sanidade española”.

Así, subliñou que son precisas medidas de alcance estatal para resolver un problema que excede as competencias das comunidades autónomas. “Non queremos escapar das nosas competencias, senón que reclamamos medidas para poder exercelas”, aseverou o conselleiro.

O conselleiro apelou á cogobernanza e incidiu en que o Goberno central “non pode seguir dando as costas a un problema que afecta a toda España, e sobre o que xa ten un mandato do Congreso dos Deputados”.

Manifesto de medidas urxentes e incumprimento de acordos

García Comesaña lembrou o apoio que está a recibir o manifesto impulsado hai unhas semanas, polo goberno de Galicia e o País Vasco, no que se insta ao Ministerio de Sanidade a desbloquear todas as medidas que resulten precisas para atallar o problema de déficit de especialistas no sistema sanitario público nacional.

Sobre este documento, que conta co respaldo doutros cinco gobernos autonómicos (Cataluña, Andalucía, Murcia e Castela-León e Madrid), o conselleiro citou as seis propostas fundamentais que se precisan para reverter a situación.

En concreto, apuntou a necesidade de artellar un sistema de elección de prazas MIR que garanta que non queden prazas sen cubrir; de crear a especialidade de Medicina de Urxencias e Emerxencias; e de abordar a reforma do sistema de formación especializada en Medicina Familiar e Comunitaria para poder acreditar unidades docentes dun xeito máis flexible e áxil.

Así mesmo, tamén reiterou que é preciso implementar unha convocatoria extraordinaria de prazas MIR para a especialidade de Medicina Familiar e Comunitaria; crear un Rexistro Estatal de Profesionais Sanitarios; e fomentar, a través dun Plan de Acción Estatal, medidas que faciliten o desenvolvemento dos facultativos de Primaria como eixo vertebrador deste nivel asistencial.

O máximo responsable da Sanidade galega, cualificou como “decepcionante” a resposta trasladada, polo de agora, polo Goberno central. Así, considera que as solucións achegadas polo Ministra de Sanidade “son solucións a longo prazo”, e non son suficientes para resolver de forma inmediata a problemática que afecta á atención primaria en toda España. Ademais, tamén lamentou que, hai un conxunto de medidas que foron acordadas por todas as comunidades autónomas, en abril do 2018, e que aínda están pendentes de ser implantadas por parte do Goberno Central.

Con todo, a Xunta agarda que no transcurso da vindeira Comisión de Recursos Humanos do Consello Interterritorial, que se celebrará o 26 de xullo, o Goberno central aborde en profundidade a situación da Atención Primaria e adopte medidas de calado que posibiliten desatascar a situación.

Acordos e medidas dentro das competencias autonómicas

Na compaña dos xerentes das áreas sanitarias de Santiago e Lugo, Eloína Núñez, e Ramón Ares; García Comesaña enumerou o paquete de medidas que xa artellou a Xunta de Galicia, no eido das súas competencias, ante a falta de avances por parte do Goberno de España.

Neste liña, remarcou que a Xunta lanzou unha convocatoria de 106 prazas de facultativos de atención primaria mediante concurso de méritos, co que se converteu na primeira comunidade en escoller este sistema de selección para paliar o déficit de profesionais médicos do sistema sanitario público. Polo de agora, abundou o conselleiro, Sanidade xa recibiu 350 solicitudes para esta convocatoria. Ademais, anunciou que este sistema, voltará a ser empregado de novo para afrontar a cobertura de especialistas nos hospitais comarcais.

Por outra banda, o Executivo galego tamén adoptou outras medidas co ánimo de optimizar o funcionamento da atención primaria en Galicia. Entre elas: a implantación de axendas de calidade para o persoal médico e de enfermería; a posta en marcha do Sistema de Xestión Integral da Denada (XIDE); a elaboración de Plan Locais de Saúde; ou a potenciación dos papeis do persoal médico, de farmacia e enfermaría.

Por último, salientou o acordo unánime acadado coas organizacións sindicais, na Mesa Sectorial celebrada o pasado 29 de xuño, e na que se incluíron até 10 medidas de mellora e recoñecemento para os profesionais sanitarios. Entre estas, destaca a nova posibilidade de acumulación de cartillas dunha praza vacante de médico, o que posibilitará unha maior continuidade na atención a pacientes. Así, permitirase a acumulación dun máximo de 300 cartillas, cunha prestación adicional de xornada de 4 horas e media á semana, e unha retribución anual de 12.000 euros ano ou parte proporcional.

18 de xullo de 2022 | 22:25 • Sen comentarios

Comentarios pechados.