publicidade hoxe

Galicia demanda en Madrid un maior apoio á promoción dos viños de calidade e á reestruturación do viñedo en zonas con maior valor engadido

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaGalicia exteriorPortada dereita
A-
A+

O conselleiro do Medio Rural, José González, asistiu hoxe á Conferencia Sectorial de Agricultura e Desenvolvemento Rural do Ministerio, onde demandou un maior apoio á promoción dos viños de calidade e á reestruturación do viñedo en zonas con maior valor engadido.

Así, o conselleiro transmitiulle ao ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación a necesidade de aumentar as partidas orzamentarias destinadas á promoción dos viños con denominación de orixe e indicación xeográfica protexida, tanto para o ámbito europeo como en terceiros países. Neste senso, advertiu da importancia de fortalecer estes produtos con selo de calidade, que son suxeitos a uns controis máis exhaustivos e que dignifican as variedades autóctonas de cada unha das zonas produtoras.

Neste senso, José González tamén solicitou máis fondos para a reestruturación e reconversión do viñedo, precisamente en zonas con maior valor engadido e que estean inscritas a un selo de calidade. Deste xeito, o conselleiro puxo en valor o traballo realizado en Galicia a través da posta en marcha da Estratexia de dinamización económica, territorial e turística das comarcas vitivinícolas de Galicia. Así, salientou que a través deste programa se persegue conseguir un sector consolidado e competitivo nos mercados nacional e internacional, cun enoturismo de referencia e con capacidade para xerar valor nas comarcas vitivinícolas de xeito sustentable.

Así, González salientou que dita estratexia persegue aumentar o valor engadido dos viños galegos, mellorando a rendibilidade e a sustentabilidade da produción vitícola. E, para iso, é preciso aumentar as partidas relativas á promoción e reestruturación. Ademais, manifestou o seu descontento no tocante ás axudas para destilación, xa que Galicia non se ve beneficiada deses presupostos, posto que na nosa comunidade non se destilan os viños.

Seguindo co sector vinícola, o titular de Medio Rural tamén pediu unha reflexión clara e concisa sobre como se debe orientar o programa español do viño con respecto ao próximo Plan Estratéxico da Política Agraria Común (PAC), co fin de garantir fondos para poder axudar ás bodegas que precisan de reformas estruturais, co fin de que poidan ser máis competitivas e sustentables a nivel nacional e internacional. Así, sinalou que é fundamental incrementar as partidas para que as empresas deste sector poidan efectuar inversións no seu negocio e adaptarse ás demandas do mercado.

Por último, José González avogou por defender en Bruxelas o papel do viño como un alimento, defendendo os seus beneficios e rexeitando de forma contundente que nas súas etiquetaxes se difunda informacións negativas que poidan danar a imaxe destes produtos de calidade diferenciada.

11 de xullo de 2022 | 14:24 • Sen comentarios

Comentarios pechados.