publicidade hoxe

Galicia agarda que o esforzo conxunto que se está realizando sexa o mellor aval para formar parte do Perte Aeroespacial

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaLocal PortadaPontevedraPortada esquerdaVigo
A-
A+

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, manifestou esta mañá en Vigo que agarda que o esforzo conxunto que se está realizando desde Galicia sexa o mellor aval para formar parte do Perte Aeroespacial. Conde participou na asemblea xeral do Consorcio Aeronáutico Galego, ao que agradeceu a súa disposición para colaborar no impulso desta industria.

Durante a súa intervención, o vicepresidente económico explicou que o sector aeroespacial de Galicia ten que dirixirse cara a aqueles segmentos que neste momento concentran as maiores expectativas de crecemento, como poden ser os diferentes sistemas aeronáuticos ou os operadores de servizos baseados en vehículos non tripulados. En definitiva, traballar por manter a actividade industrial pero tamén por ampliar a base tecnolóxica e industrial.

Neste obxectivo, o papel do Consorcio Aeronáutico Galego será fundamental na medida en que siga desenvolvendo o labor de observatorio do sector en Galicia, con plans de estudos para avanzar no aliñamento coas estratexias, programas e convocatorias da Unión Europea; na integración da cadea de valor do sector aeroespacial galego no plano nacional e internacional; na creación de empresas; ou na elaboración de informes estatísticos desta industria.

Este traballo influirá de xeito positivo no Polo Aerosespacial de Galicia que, nestes momentos, ten en execución 84 millóns de euros de fondos públicos, pendente de incorporar a novos socios tecnolóxicos e aspira a participar no Perte Aeroespacial para poder mobilizar 540 millóns de investimento público-privado se consegue apoios procedentes dos fondos europeos e sempre co obxectivo de seguir consolidando a súa actividade.

22 de xullo de 2022 | 14:50 • Sen comentarios

Comentarios pechados.