Ethel Vázquez anuncia a licitación das obras destinadas a reducir o risco de inundación dos ríos Miñor e Zamáns en Gondomar cun investimento de 2,6M€

Ethel Vázquez na presentación do proxecto
A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, anunciou a licitación, hoxe, das obras destinadas a reducir o risco de inundación dos ríos Miñor e Zamáns, no concello de Gondomar, que suporán un investimento total de 2,6 millóns de euros.
Vázquez Mourelle presentou estas actuacións, cuxa contratación recolle xa a Plataforma de Contratos Públicos de Galicia, fixando ata o vindeiro 19 de agosto como prazo para que as empresas interesadas presenten as súas ofertas.
A continuación, a Xunta iniciará o procedemento para adxudicar o contrato coa máxima axilidade, co obxectivo de empezar as actuacións a comezos do vindeiro ano. Os traballos teñen un prazo de execución de 12 meses.
Segundo detallou a titular de Infraestruturas e Mobilidade, as bacías dos ríos Miñor e Zamáns, en Gondomar, forman parte dunha área de risco potencial significativo de inundación, un perigo que a Xunta quere contribuír a minorar na medida do posible, mediante a colaboración co Concello.
Para acadar este obxectivo, a conselleira explicou que Augas de Galicia leva moito tempo estudando de forma exhaustiva o terreo, modelizando o comportamento dos ríos en épocas de chuvias intensas e traballando na procura das solucións.
Ethel Vázquez salientou que se van acometer actuacións estruturais para mellorar a drenaxe na zona na que a confluencia dos ríos Miñor e Zamáns dispara o risco das crecidas.
As intervencións enmárcanse na colaboración da Xunta co Concello de Gondomar, pola que a Administración autonómica se comprometeu a executar e financiar integramente as obras, mentres que o municipio asumiu o deber de poñer os terreos á disposición, un trámite que se demorou máis do previsto.
A conselleira concretou que as obras se van acometer no treito do río Miñor que vai desde a ponte da avenida do Conde de Gondomar -augas arriba do antigo colexio- ata a ponte da avenida Curros Enríquez; e no treito do río Zamáns que vai desde a ponte da avenida Elduayen ata a súa desembocadura no río Miñor.
Sinalou que a Xunta levará a cabo a demolición desa ponte da avenida Curros Enríquez, coa construción dun novo viaduto con máis amplitude que permita aumentar a capacidade de desaugue fronte ás enchentes; e a execución dunha canle de alivio baixo o novo viaduto, conectando os ríos Zamáns e Miñor.
Tamén se procederá á elevación da altura do muro do río Zamáns; ao rebaixe para eliminar o recheo xunto ao campo de fútbol, na marxe esquerda do río Miñor; e á limpeza das canles de ambos os dous ríos, á recuperación do bosque de ribeira ou á adecuación e mellora da zona do paseo Carlos Casares.
Estas intervencións están cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) da Unión Europea, no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020.
Ethel Vázquez subliñou que o Goberno galego continúa traballando para velar pola seguridade da poboación e a defensa do territorio fronte a este risco, coñecido e crecente, como consecuencia do cambio climático