publicidade hoxe

Alerta vermella por altas temperaturas na zona do Miño de Ourense

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaOurenseOurensePortada dereita
A-
A+

A Dirección Xeral de Emerxencias e Interior da Vicepresidencia Segunda da Xunta e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes vén de activar para hoxe a alerta vermella por altas temperaturas na zona do Miño de Ourense.

Segundo informa a Axencia Estatal de Meteoroloxía (AEMET), trátase dun fenómeno meteorolóxico que se espera que comece cara o mediodía con temperaturas que poderán acadar os 42 graos.

Ademais, estará activa no día de hoxe a alerta laranxa por temperaturas que poden chegar ata os 41 grados no sur de Lugo e aos 39 graos no noroeste e o sur de Ourense e no interior e a zona do Miño na provincia de Pontevedra.

Tamén para mañá está prevista outra alerta laranxa con máximas ata os 39 graos no interior da provincia da Coruña; no noroeste e nas zonas do Miño e de Valdeorras de Ourense; así como no interior e na zona do Miño de Pontevedra.

Por este motivo, e co fin de garantir a seguridade dos bens e as persoas, a Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, a través do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias 112 Galicia, informou da situación aos concellos da provincias afectadas; deputacións; servizos provinciais; e agrupacións de voluntarios de Protección Civil, entre outros. Deste xeito, agárdase que se adopten as medidas oportunas para garantir a seguridade dos bens e das persoas.

Ante este episodio de altas temperaturas, recoméndase extremar as precaucións, especialmente entre os colectivos máis vulnerables como persoas maiores, nenos, persoas con enfermidades crónicas e tamén no caso de persoas que realizan traballos físicos intensos ou deporte ao aire libre.

Recoméndase limitar a exposición o sol, manter unha boa ventilación e ter en conta os cambios de temperatura. É tamén aconsellable manter unha hidratación adecuada, tomar comidas lixeiras, cubrir a cabeza e evitar exercicios físicos prolongados ao sol. Ademais, recórdase que nunca debe deixarse a nenos e nenas ou persoas maiores no interior de vehículos pechados.

Por último, aconséllase consultar a páxina web do CIAE 112 (www.axega112.gal), que conta con información meteorolóxica e con enlaces de interese.

13 de xullo de 2022 | 13:08 • Sen comentarios

Comentarios pechados.