publicidade hoxe

A Xunta traslada o seu apoio a Cosméticos Anfer para que poida recuperar a actividade o antes posible tras o incendio das súas instalacións en Bergondo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaBergondoLocal PortadaPortada dereita
A-
A+
O director do Igape na visita ás instalacións en Bergondo

O director do Igape na visita ás instalacións en Bergondo

O director do Igape, Fernando Guldrís, trasladou todo o apoio da Xunta a Cosméticos Anfer tras o incendio sufrido nas súas instalacións no polígono de Bergondo o pasado sábado. O obxectivo agora, sinalou durante unha visita á empresa, é que poida recuperar canto antes a súa actividade.

Nunha xuntanza cos responsables da compañía, na que estivo acompañado polo delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, o director do Igape avanzou a importancia de ir “identificando e salvando” cada unha das necesidades que se lles presenten.

“Desde a Xunta temos a vontade de axilizar o máximo posible aqueles instrumentos aos que poida acudir a empresa na procura de garantir o bo desempeño da súa actividade”, incidiu Guldrís. Neste sentido, o director do Igape fixo referencia tanto ás liñas de financiamento como aquelas destinadas a apoiar investimentos.

Guldrís recoñeceu que un suceso así, do que por fortuna non houbo que lamentar danos persoais, complica aínda máis a difícil situación pola que está pasando o tecido empresarial pola crise enerxética e de subministracións. Por iso, expresou o seu desexo de que Cosméticos Anfer poida retomar canto antes a súa actividade. O director do Igape, ademais, agradeceu a rápida actuación dos equipos de extinción e a coordinación coa que actuaron as administracións implicadas.

21 de xullo de 2022 | 14:44 • Sen comentarios

Comentarios pechados.