publicidade hoxe

A Xunta subliña o compromiso de Galicia coa economía circular materializado nunha nova liña de apoios que impulsará proxectos neste eido

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaBriónGaliciaLocal PortadaPortada esquerda
A-
A+

O director do Igape, Fernando Guldrís, inaugurou hoxe en Brión o Taller de identificación e promoción de oportunidades de financiamento para proxectos estratéxicos en materia de economía circular, un escenario no que o director puxo en valor o compromiso de Galicia neste eido, que se materializará en próximas datas nunha nova liña de apoios centrada na promoción deste tipo de proxectos.

“Desde a Xunta acabamos de presentar unha nova liña de axudas, que nestes días sairá publicada no DOG, e que estará destinada á posta en marcha de proxectos para o desenvolvemento da economía circular”, incidiu Guldrís, que apuntou que este programa busca promover proxectos, individuais ou colectivos, centrados, entre outros, na instalación de sistemas de medición de parámetros produtivos e ambientais; de hardware e software intelixente para a optimización dos recursos; ou na adquisición de nova maquinaria para reemprego ou reciclaxe de residuos.

Os apoios serán do 35% dos investimentos materiais e inmateriais subvencionables para as pequenas empresas, e do 25% para as medianas, cun límite máximo subvencionable de 200.000 euros nos proxectos colectivos e de 75.000 euros en proxectos individuais.

Guldrís salientou que con este programa o Goberno galego dá un paso máis na Estratexia Galega de Economía Circular, que establece como principios básicos para a transición cara a este modelo económico a redución, reutilización e reciclaxe e as estratexias de deseño sostible. A Estratexia, expuxo, manifesta a promoción dun plan de axudas públicas para a creación de novos modelos de negocio circulares nas empresas industriais de Galicia e o fomento das novas empresas.

Perte de Economía Circular

Neste marco, o director do Igape referiuse tamén ao Perte de Economía Circular que, “aínda que non é dos mais dotados orzamentariamente dos 11 existentes (492M€), si é moi interesante pola natureza transversal dalgunha das súas liñas de actuación”.

Así, explicou Guldrís, o Perte contempla nunha das súas liñas accións para a redución de materias primas, ecodeseño, xestión de residuos e dixitalización; e atende noutra a sectores específicos como son o téxtil, o plástico, e os bens de equipo para enerxías renovables.

21 de xullo de 2022 | 14:58 • Sen comentarios

Comentarios pechados.