publicidade hoxe

A Xunta reformará a lei para que se identifique os animais de compañía que aparezan mortos na vía pública e se notifique aos seus donos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaCoirósGaliciaLocal PortadaPortada dereita
A-
A+
Ángeles Vázquez na visita ás instalacións de Gatocan en Coirós

Ángeles Vázquez na visita ás instalacións de Gatocan en Coirós

A Xunta reformará a lei para que se identifique os animais de compañía que aparezan mortos na vía pública e se notifique aos seus donos, segundo anunciou hoxe a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, durante unha visita realizada á protectora Gatocan en Coirós.

Ángeles Vázquez incidiu en que o obxectivo é reforzar a Lei de protección e benestar dos animais de compañía para que se comprobe a identificación dos animais que aparezan mortos na vía pública a través da lectura do microchip co fin de comunicar o falecemento aos seus propietarios e que estes poidan facerse cargo da xestión e tratamento dos seus restos.

A maiores, con esta reforma facilitarase que os propietarios dos animais poidan comunicar ao rexistro a baixa do animal e, por outra banda, permitirá avanzar na investigación de posibles roubos.

Deste xeito, a Xunta faise eco da reivindicación das asociacións protectoras de animais de compañía, que, como Gatocan, veñen incidindo na importancia do crecente vínculo que existe entre estes animais e os seus propietarios.

Durante a súa visita a Gatocan, a conselleira salientou que esta reforma lexislativa reforza o compromiso que o Goberno galego neste eido e, nesa liña, lembrou que este ano se convocaron axudas por importe de 400.000 euros para apoiar a concellos e asociacións protectoras no coidado e atención dos animais domésticos abandonados.

No caso das entidades locais, as axudas, que contan cun orzamento de 230.000 euros, destínanse a gastos de esterilización, vacinación, identificación, rexistro dos exemplares e compra de alimento.

No que respecta ás asociacións protectoras, o financiamento de 220.000 euros cobre os mesmos gastos que nos concellos e, ademais, tamén se pode destinar a campañas de sensibilización e compra de material, equipamento non funxible, software e dispositivos electrónicos.

Para a Xunta a protección dos animais de compañía é unha prioridade, polo que desde 2017 leva mobilizado un orzamento global de máis de 1,5 M€, mantén campañas de sensibilización sobre a tenencia responsable de mascotas para evitar o abandono e impulsou a Lei de protección e benestar dos animais de compañía de Galicia para combater o maltrato e que agora vai ser actualizada.

26 de xullo de 2022 | 14:49 • Sen comentarios

Comentarios pechados.