publicidade hoxe

A Xunta pon en valor a nova lei da calidade alimentaria de Galicia no Consello Agrario Galego

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada esquerdaProvincias
A-
A+
Reunión do Consello Agrario Galego

Reunión do Consello Agrario Galego

O conselleiro do Medio Rural, José González, presidiu esta mañá unha nova xuntanza do Consello Agrario Galego, que serviu para dar a coñecer o anteproxecto da nova Lei da calidade alimentaria de Galicia, da man do director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, José Luis Cabarcos.

Así, Cabarcos procedeu a explicar o texto -que se prevé ter aprobado este ano- aos membros do Consello Agrario, formado por representantes de diferentes consellerías así como por membros das principais organizacións agrarias da nosa comunidade. En concreto, o director falou das diferentes novidades da futura norma, entre as que se inclúen a regulación do fomento e do desenvolvemento da produción amparada polos distintivos de calidade diferenciada -coma por exemplo as denominacións de orixe-, a mellor distinción entre calidade estándar e calidade diferenciada ou a nova normativa de contratación pública de produtos alimentarios, centrada na redución do impacto ambiental.

Ademais, a nova Lei contempla a creación de dous novos órganos: o Consello Alimentario de Galicia e a Mesa da Calidade Alimentaria Diferenciada de Galicia. O primeiro estará formado por representantes das administracións públicas con competencias en materia alimentaria así coma das organizacións, institucións e grupos tanto públicos coma privados que son partícipes neste eido. Este será un órgano colexiado, e as súas funcións serán propoñer e asesorar nos labores, plans estratéxicos e proxectos normativos que se leven a cabo neste ámbito ademais de propoñer liñas de investigación e estudo sobre cuestións de interese para a calidade alimentaria de Galicia.

Pola súa parte, a Mesa da Calidade Alimentaria Diferenciada estará formada por representantes de cada unha das denominacións de orixe e indicacións xeográficas protexidas de Galicia, do Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia e das principais asociacións da artesanía alimentaria, así como da propia Axencia Galega da Calidade Alimentaria e da dirección xeral competente en materia de mercados da pesca. Terá un gran abano de funcións, mediante as cales buscará asesorar á Xunta para o impulso do sector alimentario da calidade diferenciada de Galicia.

Mediante esta nova norma, a Xunta busca fomentar, potenciar e garantir a produción de alimentos de calidade diferenciada na nosa comunidade; ademais de asegurar a calidade dos produtos alimentarios producidos, elaborados ou comercializados e a súa conformidade coa normativa de aplicación. Así mesmo, tamén busca regular os consellos reguladores, as obrigas dos operadores e a actuación da inspección para mellorar a eficacia do sistema de control oficial, perseguir as prácticas fraudulentas e regular o réxime de sancións ante as ilegalidades que se cometan.

29 de xullo de 2022 | 14:39 • Sen comentarios

Comentarios pechados.