publicidade hoxe

A Xunta organiza en Moeche un curso para o uso das instalacións do seu centro de transformación de produtos agrarios

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaMoechePortada dereita
A-
A+

A Área de servizos agrarios de Betanzos-Ferrol, dependente da Consellería do Medio Rural, ten previsto celebrar unha acción de formación profesional e adquisición de competencias para o uso das instalacións do Centro de transformación de produtos agrarios de Moeche, que abrirá este mesmo ano 2022. O obradoiro darase entre os días 18 de xullo e 11 de agosto nas instalacións do propio Centro de transformación, no recinto feiral municipal, en horario de mañá ou de tarde dependendo das datas, e terá unha duración total de 60 horas.

O programa deste curso trata unha serie de aspectos sobre o funcionamento destas novas instalacións. O obradoiro terá sete grandes bloques de contido, que tratarán aspectos normativos, hixiénicos e sanitarios, xunto a nocións básicas no manexo das instalacións e o seu equipamento. Así mesmo, ensinaranse os procesos de produción, transformación e comercialización de produtos agrarios nas explotacións da zona para que os seus titulares logren un valor engadido aos seus produtos mediante novas canles comerciais.

A Axencia Galega da Calidade Alimentaria, a través da formación non regrada e dentro do Plan de formación continua 2022, pretende neste caso aportar un apoio formativo ao persoal que vaia a empregar as instalacións deste novo Centro de transformación. O centro estará supervisado por persoal propio; porén, serán os propios titulares das explotacións os que se encarguen dos traballos levados a cabo nel.

Cómpre lembrar que a Consellería do Medio Rural conta cun plan de accións formativas e de transferencia para este ano 2022 que pode consultarse no seguinte enlace: https://ovmediorural.xunta.gal/gl/consultas-publicas/accions-formativas. Precisamente nesta páxina pode atoparse o referido curso e facer a pre-inscrición en liña cubrindo os datos necesarios. O coordinador poñerase en contacto coas persoas interesadas a través do correo electrónico comunicándolle se está ou non admitido. Para consultar calquera dúbida, pode chamarse ao teléfono 981 33 70 48-49, ou enviarse un correo a area.seca.ferrol@xunta.gal.

13 de xullo de 2022 | 12:58 • Sen comentarios

Comentarios pechados.