publicidade hoxe

A Xunta convoca axudas por 8,5 M€ para que entidades sen ánimo de lucro contraten a máis de 500 persoas en situación de desemprego

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada esquerda
A-
A+

A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade convoca hoxe novas axudas coas que destinará 8,5 millóns de euros ao fomento do emprego a través de programas de cooperación coas entidades sen ánimo de lucro. Por medio desta iniciativa, o Executivo galego aspira a que unhas 150 organizacións incorporen arredor de 505 persoas sen emprego.

O prazo de solicitude ábrese mañá e permanecerá vixente ata o 22 de agosto.

Con esta liña a Xunta avoga por mellorar a empregabilidade das persoas traballadoras desempregadas a través da adquisición da experiencia profesional; fomentando, de xeito paralelo, a súa inserción no sector dos servizos sociais.

Para optar ás axudas, as entidades beneficiarias, deberán constar inscritas no correspondente rexistro como “iniciativa social” e garantir a contratación a tempo completo durante nove meses das persoas desempregadas. No caso de mulleres vítimas de violencia de xénero a duración dos contratos poderá chegar ata os 12 meses.

Segundo as estimacións da Xunta, cada unha das entidades que resulten beneficiarias na presente convocatoria, percibirá un importe medio de 56.666 euros, 16.831 euros por persoa traballadora contratada. Ademais, dos 8,5 millóns de euros de orzamento da convocatoria, 3 millóns destinaranse con caracter prioritario a contratacións nos denominados proxectos singulares, que son desenvolvidos por entidades que prestan servizos a outras, a colectivos con máis dunha área de actuación ou con máis de 100 profesionais ao seu cargo.

Grazas a esta convocatoria o ano pasado concedéronse axudas a 150 entidades, para cubrir os custos de 503 traballadores. Desde o ano 2009, este programa permitiu contratar cerca de 9.200 persoas desempregadas. 

As políticas activas do Goberno galego están orientadas para brindar atención prioritaria a colectivos específicos con especiais dificultades de inserción. Para acadalo, a Xunta pon en valor con iniciativas deste calado a imprescindible colaboración das entidades sen ánimo de lucro para a creación de emprego mediante a prestación de servizos de interese xeral e social.

21 de xullo de 2022 | 14:43 • Sen comentarios

Comentarios pechados.